Davila a Rajoy: "O do Tax Lease non é unha cuestión de perdóns, é unha cuestión política"

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, acusou no Pleno desta mañá na Cámara Baixa a Rajoy e Rubalcaba de ignorar totalmente o grave problema polo que atravesa o sector naval co tema do Tax Lease.

O Presidente do Goberno español comparece estas mañá no Pleno para dar conta do último Consello Europeo. A portavoz do BNG dirixiuse a Rajoy e a Rubalcaba para reprocharlles “a satisfacción compartida de ambos. Unha satisfacción que non podemos entender. Que hai de novidoso neste último Consello Europeo en relación ao de hai un ano?”, preguntouse Davila, quen lembrou que hai un ano as conclusións eran as mesmas: a necesidade de que haxa crédito para as pequenas empresas e a necesidade de crear emprego. “As medidas deste último Consello inciden no mesmo. Máis o importante é cando se vai verificar esa necesidade de que fluxa o crédito? Cando se van plasmar as medidas para crear emprego? Cando se vai verificar por fin o cambio de dirección da UE para que vai polo camiño contrario á destrucción de emprego?”.

O SECTOR NAVAL E O TAX LEASE AUSENTES NO DISCURSO DE RAJOY E DE RUBALCABA

Acusou a Rajoy e Rubalcaba de manifestar “satisfacción por unhas medidas case virtuais da EU, cando hai unha realidade da UE que é gravísima e á que ningún dos dous fixo referencia. Se o vindeiro 17 de xullo se cumpre o que Almunia dixo do Tax Lease, vanse destruir máis de 80.000 postos de traballo no estado e 15.000 en Galiza do sector naval. E sobre todo, vaise destruir un sector industrial importante”. Por iso, recalcou, “non podemos entender que manifesten satisfacción por uns acordos do Consello Europeo que nen siquera é capaz de facer unha política para crear emprego. Só destrúe traballo”.

Davila deixou claro que “non podemos compartir esa satisfacción, non podemos compartir ese modelo de UE que fai imposíbel que os nosos sectores produtivos poidan producir, e non só falo do naval, senón tamén da pesca ou do agro que non se poden desenvolver”.

Ademáis, afirmou que “non é cuestión de que a UE nos perdone nada, nen ten que ver con que o Goberno español e o galego recorran á legalidade. Isto non é cuestión nen de perdones nen de legalidades, é unha cuestión política. E a isto si que debería sumar toda a oposición, e debería ir a Europa a defender algo tan fundamental como que o noso sector naval poida seguer producindo e poida ser competitivo como o son outros estados da UE”.

“Nen perdóns, nen legalidades, é unha cuestión política”

Por iso, subliñou, “non é cuestión de perdones nen de legalidades, senón que é cuestión de peso político, ese peso político é o que hoxe nos tería que peder a toda a oposición para que a UE non elimine 80.000 postos de traballo, 15.000 deles en Galiza”. A portavoz do BNG acusou ao Goberno de non ter feito todo o posíbel: “non cremos que este Goberno fixese todo o que podía para resolver o problema. É necesario que o resolva e non que diga que vai facer todo o posíbel. Fágao, e que o 17 non se cumpra a ameaza de Almunia”.

“É unha vergoña que o Goberno español e o galego non fagan unha defensa do sector naval, e é pior que un Señor que se vanagloria de ser español estea máis pendente dunha UE inxusta, que de defender miles de postos de traballo”.

Señor Rajoy, “emprazámoslle a lograr que o 17 de xullo non se cumpra o veredicto de Almunia. Non fale co Comisario da Competencia, negocie políticamente con todos os estados porque é unha cuestión política”.