Davila pón voz a Galiza no Debate de Política Xeral e obriga a Rajoy a falar do sinistro do Alvia
A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, interviu no Debate de Política Xeral para pór sobre a mesa os principais problemas de Galiza e dos galegos e galegas.
O BNG, por boca da súa portavoz no Congreso, levou a Galiza ao debate político máis importante do ano na Cámara, e falou do sinistro do Alvia, da venda de NGB e da estafa das participacións preferentes, das sancións a emigrantes retornados con pensións do estranxeiros, do dereito a decidir, do sector agrario e pesqueiro.
Sen esquecer o proceso soberanista de Catalunya. Ademáis, fixo unha crítica moi dura ás leis regresivas e opresoras, nomeadamente a reforma do aborto ou a lei de seguridade cidadá. E criticou asemade as políticas recentralizadoras do Goberno en alusión á LOMCE e a reforma local.
Dereito a decidir e respecto ao pobo catalán:
Davila enfatizou que desde o BNG, que aspiramos a que se recoñeza a nosa realidade nacional, rexeitamos a súa actitude intolerante de non respectar o dereito democrático dos pobos a decidir. Coa súa intransixencia, trata de impedir que os cataláns se expresen libremente nas urnas. A deputada do BNG defendeu unha profunda remodelación do estado que otorgue poder ás nacións.
Comisión de Investigación sobre o ALVIA:
A portavoz do BNG introduciu no debate a maior traxedia da historia do ferrocarril, reprochando a Rajoy que no seu discurso de onte nin siquera se lembrase do sinistro.
Fixo unha dura crítica pola negativa do Goberno e do PP a constituir unha Comisión de Investigación para esclarecer o sucedido. Unha cousa é o delito penal, que se debe tratar no ámbito xudicial, e outra moi distinta son as responsabilidades políticas que se deben abordar nesta Cámara.
Davila puxo de manifesto a serie de informes e dados moi graves que indican que hai responsabilidades políticas, cada vez son máis claras polas rebaixas realizadas no sistema de seguranza ferroviaria e por obviar as advertencias sobre a perigosidade da curva de Angrois.
Venda de NGB e preferentistas: Davila demanda unha solución colectiva
Coa súa mala xestión, os contribuíntes perderon nada máis e nada menos que 8.000 millóns de euros, enfatizou.
Explicou que durante o proceso de reestructuración bancaria se incrementaron os depósitos en Galiza pero lonxe de se traducir nun incremento do crédito, reduciuse fortemente. Acusou ao PP de vende NGB sen resolver previamente a estafa das preferentes e lembrou que aínda quedan 35.000 afectados sen cobrar.
Propúxolle unha solución colectiva para que os afectados non teñan que agardar a sentenzas ou interpór recursos xudiciais.
Sancións a emigrantes retornados
A portavoz do BNG incluiu outro dos problemas que afecta a miles de emigrantes galegos retornados con pensións do estranxeiros e que foron sancionados por Facenda por non tributar por ditas pensións. Multados por Facenda cando desde todos os ámbitos se lles asegurara que a súa pensións estaba exenta de tribuación. Mais a Axencia Tributaria en lugar de asesoralos, abriulles expediente con multa e cobro de intereses.
É unha inxustiza, como din eles, é un latrocinio, espetou Davila a Rajoy.
Censurou que este Goberno se comporte como un ave de rapiña cos débis, mentras é benevolente cos grandes defraudadores.
Sector agrario e pesqueiro
Davila trasladou ao Presidente do Goberno español a enorme decepción do sector agro-gandeiro galego pola distribución dos fondos da PAC. Puxo de manifesto que o sector agrario galego representa o 9% a nivel do estado, e só recibe o 3% dos fondos da PAC.
E lembrou que nesta ocasión os criterios non os impuxo Europa. Tiñan marxe para establecer os criterios de reparto máis xustos e podían ter compensado ás pequenas e medianas explotacións, propias de Galiza.
Reprochou a Rajoy que optasen por continuar primando aos grandes latifundios e a quen non vive do agro, relegando aos auténticos labregos á penuria da supervivencia.
En relación á pesca, instouno a conseguir zonas de pesca, caladoiros alternativos para a frota galega e que fagan un reparto xusto da xarda e do xurelo.
Leis regresivas e represoras
Reprochou ao Presidente do Goberno de practicar a recentralización de competencias un dos seus grandes cabalos de batalla e aludiu á LOMCE e á reforma local.
En relación á situación xeral, Davila acusou a Rajoy de seguidismo compracente e de aplicar a raxatáboa as directrices da Troika. Aludiu ás consecuencias dos recortes, en especial á reforma laboral que converteu ao estado español no que pior protección laboral ten de toda a UE. Lograron rematar coa negociación colectiva, co diálogo social, cos acordos laborais e entregaron o poder á paronal.
Lembroulle que foi o ano da corrupción do PP, marcado polo caso Bárcenas e a Gürtell.
A portavoz do BNG fixo o que se podería considerar unha emenda á totalidade dunha serie de leis que emanan do Ministerio de Xustiza como a das taxas xudiciais, que cercenan o dereito de acceso á xustiza, a do Código Penal, onde se substitúe razón por represión, a vergoñenta proposición de lei que pretende rematar coa xustiza universal, e a intención de privatizar os rexistos civís.
Fixo un especial énfase a reforma do aborto que atenta contra os dereitos das mulleres. Así como criticou a lei de seguridade cidadá que quer rematar coa voz da rúa, e agardamos que tome nota do Informe do Consello Xeral do Poder Xudicial que declare inconstitucionais moitos dos seus artigos.
Davila tamén realizou unha crítica feroz do tratamento inhumano aos inmigrantes en Ceuta. Rematou sinalando que cos seus recurtes si lograron que os ricos saian da crise mentras os probes son cada vez máis probes.