Contaminar Galiza: SAE DE BALDE
Jorquera denuncia que despois de 11 anos da catástrofe do Prestige, as costas galegas seguen indefensas
O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera afirmou hoxe, que tras 11 anos da catástrofe do Prestige, as costas galegas seguen indefensas e a sentenza do Prestige lanza unha mensaxe clara: en Galiza contaminar sae de balde.
O nacionalista, que compareceu ante os medios de comunicación para dar conta da orde do día do vindeiro pleno elaborada pola Xunta de portavoces, avanzou que o BNG preguntará ao Presidente da Xunta se hai xustiza no Estado español despois dunha sentenza como a do Prestige.
Para o portavoz do BNG, a sentenza representa un Prestige xudicial e lembrou que a Corte Suprema de EE.UU impuxo unha sanción millonaria aos responsables do vertido do Exxon Valdez ao igual que Corte de Ecuador á petroleira Chevron polo vertido na selva amazónica.
Jorquera cualificou de hipocrisía da Xunta o recurso anunciado e salientou que foi o avogado do Estado quen se opuxo á imputación de ABS, mentres a Xunta daba a calada por resposta.
As costas galegas seguen indefensas ante outra catástrofe
O portavoz do BNG denunciou que na actualidade, Galiza carece de competencias para gobernar as súas costas e os medios seguen sendo insuficientes a pesar de producirse o 80 por cento dos accidentes marítimos rexistrados no Estado español.
As nosas costas, dixo, son as segundas do mundo en número de marés negras e, a pesar disto, non existe ningún buque anticontaminante, o único co que contabamos tras a catástrofe do Prestige, foi vendido a unha empresa privada para ser utilizado de gasolineira flotante na ría de Ferrol.
Galiza ten 1.200 Qm de costa e un dos corredores marítimos máis importantes, sen embargo segue indefensa mentres Bélxica con 60 Qm de costa conta con catro buques anticontaminación.
Jorquera tamén dixo que preguntará a Feijóo porque foron paralizados os estudos e investigacións sobre as consecuencias do vertido do Prestige e porqué no Estado español existe unha lexislación medio ambiental menos ambiciosa que noutros estados que a modificaron despois do accidente do Prestige.
O BNG pide que se modifique a Lei de Minería
Sobre outras cuestións que serán debatidas na vindeira sesión plenaria, Jorquera anunciou a Proposición non de lei que defenderá o BNG para modificar a Lei de Minería co fin de erradicar a utilización de cianuro nas extraccións porque o parón de Corcoesto non é definitivo, segundo a propia Xunta, asegurou o nacionalista.
Asemade, o BNG tamén reclamará paralizar o proceso de privatización da AG 52 e AG 53 e a posta en marcha do Consello informativo da CRTVG.
Finalmente, os contratos de PEMEX e a situación límite do Sector Naval galego estarán presentes na sesión plenaria a través de diversas iniciativas do BNG.