Os concellos do BNG defenden os intereses da veciñanza, fronte a "barra libre" da Xunta con Sogama
O BNG denuncia que a resolución da Xunta do 15 de decembro de 2014 que fixa as condicións de adhesión a Sogama significa, na práctica, dar cobertura legal a esta empresa para que modifique unilateralmente as condicións cos concellos que, ata agora, se pactaban en convenios bilaterais entre as dúas partes.
O portavoz nacional, Xavier Vence, e o portavoz na FEGAMP, Francisco García, denunciaron que a normativa que entrará en vigor o 19 de febreiro supón unha patente de corso para Sogama e converte a Xunta no brazo recadador da empresa en lugar de defender o interese da veciñanza e dos concello, aos que trata como se fosen lixo.
Esta normativa legaliza calquera trágala que Sogama decida impoñer aos municipios, -como fixo co taxazo subindo un 34% o prezo da recollida de lixo-, e converte á Xunta no brazo recadador da empresa poñendo a conta de resultados de Gas Natural -Fenosa por diante dos intereses dos veciños e veciñas, denunciou Vence.
De feito, en caso de discrepancia na facturación, no prazo de 30 días e a simple petición de Sogama, a Xunta descontará a cantidade impagada da asignación mensual do Fondo de Cooperación Local que lle corresponda ao concello en cuestión. Un despropósito, sentencia o dirixente nacionalista. A Xunta trata aos concellos como se fosen lixo e as veciños e aos seus representantes locais como se fosen uns ninguén, criticou.
García denuncia o abuso legal desta medida, que deixa en papel mollado o actual contrato entre empresa e Concello, vulnera a autonomía municipal e vai contra os intereses da veciñanza nun servizo básico a xestión de residuos.
Para frear esa resolución da Xunta, o Bloque vai actuar nunha dobre dirección. Desde os concellos presentará un requirimento administrativo ante a Consellería de Medio Ambiente para suspender esa normativa. En caso de que o goberno de Feijóo faga oídos xordos, os concellos do BNG darán un paso adiante e presentarán un recurso contencioso administrativo ante o TSXG, para que o alto tribunal pare esta resolución.
A outra vía de actuación é propoñer que a FEGAMP impugne a resolución da Xunta para defender a autonomía municipal e o interese común.
Puntos máis conflitivos
Entre os aspectos máis conflitivos da resolución da Xunta, o Bloque cita os seguintes. Primeiro, que os concellos deben decidir con límite 19 de febreiro se quedan ou marchan de Sogama. Un brindis ao sol porque, a día de hoxe, non teñen ningunha alternativa na imensa maioría dos casos.
Segundo, a permanencia mínima no sistema é de cinco anos, o que na práctica pecha a porta a buscar e promover modelos alternativos ao ineficiente e insostible que supón a aposta incineradora de Sogama.
Terceiro, é a empresa quen fixa unilateralmente a tarifa de 74,64 por tonelada + IVE. Este prezo se incrementa anualmente en función do IPC ou mesmo para garantir a viabilidade económica da empresa. De novo a conta de resultados de Gas Natural-Fenosa por riba do interese común, advirte o Bloque.
Finalmente, o feito de que a Xunta garante que a empresa sempre cobra a costa de quitarlle os cartos ao Concello do Fondo de Cooperación Local, con independencia da lexitimidade da súa reclamación.
Enlace resolución da Xunta de Galiza:
http://www.xunta.es/dog/Publicados/2014/20141219/AnuncioCA02-151214-0001_gl.html.