Comisión de Investigación, tras o informe que denunciaba graves anomalías na curva de Angrois
O BNG volve a levar ao Parlamento a solicitude de creación dunha Comisión de Investigación das causas do accidente de Angrois, despois de que se coñecera un informe no que o xefe de maquinistas de Renfe na provincia de Ourense advirte aos seus superiores da existencia de graves anomalías na liña de alta velocidade Santiago-Ourense.
Tras este revelador documento, que contradí as declaracións dos responsables de ADIF, o portavoz do Grupo parlamentario nacionalista, Francisco Jorquera, reitera ante a Cámara a petición de constituír unha comisión de investigación da traxedia, en base ao artigo 52 do regulamento, posto que, aos argumentos xa expostos polo BNG ante o Parlamento en anteriores ocasións, se suma agora o contido deste informe.
Neste sentido, o Bloque considera que os datos que se van coñecendo amosan claramente as deficiencias das medidas activas e pasivas de seguridade, así como o control das mesmas, e as deficiencias no propio deseño da rede e das súas condicións materiais e técnicas: plataforma, vehículos, medidas de seguridade, entre outros.
O xefe de maquinistas de Ourense advertía no seu informe que o brusco cambio de velocidade á chegada do tren a Angrois tiña lugar sen aviso previo, sen amparo do sistema máis seguro (ERTMS) e cun único e tardío sinal que, subliña, de pouco val, posto que de non ter reducido previamente a velocidade, nada se pode facer xa.
Ademais das deficiencias en materia de seguridade que se recollen no documento, outro aspecto relevante é que o informe contradí totalmente o afirmado ate agora polos máximos responsables de ADIF, que en todas as súas declaracións insistiron en que non se tiña producido advertencia algunha respecto dos déficits de seguridade da liña.
O BNG considera que o Parlamento, como máxima expresión e representación política do pobo galego, está obrigado a investigar as causas do accidente do 24 de xullo e o estado xeral de seguridade da rede de alta velocidade, o que é plenamente compatible coa investigación que poidan e deban desenvolver tanto a administración ferroviaria (ADIF-Renfe) como a que sexa obxecto do procedemento penal en curso.
Argumenta o Grupo parlamentario que as persoas afectadas polo sinistro e o conxunto da cidadanía galega esixen e precisan coñecer as causas do accidente, e tamén a situación real das condicións de seguridade da rede de alta velocidade na Galiza.
E, finalmente, alegan que tamén deberá ser obxecto da Comisión determinar si a infraestrutura estaba, e está agora, dotada de todos os sistemas e elementos proxectados e obxecto de concurso e adxudicación, se o mantemento destes era óptimo e axustado ás condicións establecidas e se estaban plenamente operativos e en funcionamento.