Comisión de Investigación das Caixas: "Feijóo debe ser o primeiro en comparecer"

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, demandou este luns que o presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijoo, “sexa o primeiro en comparecer na Comisión de Investigación das caixas galegas, porque ten responsabilidade directa da situación na que están”.

Jorquera estivo esta mañá en Ourense para reunirse con pais, nais, e traballadores de Preescolar na Casa, un programa destinado á educación infantil dos nenos e nenas do rural, que está ameazado de peche polos recortes do goberno de Feijoo. Canda o candidato do BNG á presidencia da Xunta, estiveron os deputados no Parlamento Galego, Tereixa Paz, Alfredo Suárez Canal e Carme Adán, e a portavoz municipal, Isabel Pérez, entre outros.

Previamente, en declaracións aos medios Francisco Jorquera asegurou que “no BNG contratulámonos da decisión de onte do señor Feijoo, quen anunciou que por fin en setembro constituirase no Parlamento Galego unha comisión de investigación sobre a situación de Novagalicia Banco”, unha decisión que atribuíu “á presión feita pola sociedade e polo BNG”, que dende hai meses ven reclamando esta medida.

Feijoo debe ser o primeiro en comparecer: ten responsabilidade directa da desfeita das caixas galegas

Neste sentido, Jorquera emprazou a Feijoo “a que sexa o primeiro en comparecer ante esa comisión porque ten unha responsabilidade directa na situación do que queda das nosas caixas de aforros”.

“En primeiro lugar -explicou-, por ter aceptado un proceso de bancarización das mesmas, que ten moito que ver coa situación na que están neste momento; e en segundo lugar, por ter aceptado unha reforma da Lei de Caixas de Galiza feita a medida dos intereses dos directivos desas entidades”.

“Mauro Varela faltoulle ao respecto aos estafados polas preferentes”

Polo tanto, o candidato do BNG á presidencia da Xunta reclamou que “o primeiro que ten que dar explicacións nesa comisión de investigación é o señor Feijoo, e en segundo lugar os altos directivos das caixas, empezando polo señor Mauro Varela que acaba de faltarlle ao respecto a miles de pequen@s aforradores/as”.

A supresión de Preescolar na Casa atenta contra a igualdade entre os nenos do rural e os das cidades

En canto ao obxecto da reunión, Francisco Jorquera alertou de que “recortar en educación é recortar no futuro dun país”. Por iso, subliñou que “os recortes de Feijoo en programas tan importantes para Galiza e para o noso medio rural, como Preescolar na Casa, até o punto de abocar a este programa ao peche, é tamén atentar contra a igualdade de oportunidades dos nenos e das nenas do medio rural en comparación cos nenos e nenas da cidades”.

Ante esta situación, Jorquera anunciou que “o BNG comprométese a traballar para evitar o peche de Preescolar na Casa e preservar un servizo básico para os nenos e nenas do rural”.

 

http://youtu.be/M3CrORSDkLQ