"Coa venda de NGB asasínase o sistema financeiro galego e Feijóo é a última mona neste proceso"
O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, realizou esta mañá en rolda de prensa unha avaliación da venda de NovaGaliciaBanco anunciada hoxe polo Comisario Europeo Joaquín Almunia, dentro das medidas impostas pola UE para conceder a España o chamado rescate aos bancos O líder nacionalista afirmou que nos atopamos ante a crónica do asasinato do sistema financeiro galego á que Feijóo asistiu impasíbel e cualificou ao presidente de última mona neste proceso.
O portavoz nacional asegurou que hoxe caéuselle a Feijóo o castelo de naipes, falsa realidade na que se instalou e indicou que os galegos e galegas non merecemos estar rexidos pola última mona.
Guillerme dixo que, en función do anunciado hoxe por Almunia, estamos ante a liquidación de NovaGaliciaBanco, nunha solución que foi froito dun pacto entre a Unión Europea e o Estado español e puntualizou que ésta é unha fase dentro do que será un duro proceso de reestruturación que incluirá a perda masiva de empregos.
O portavoz nacional lembrou tamén que as condicións impostas non son iguais para todos, porque, mentres que o Estado obriga a que se liquide NovaGaliciaBanco, salva a Bankia que segue como entidade bancaria.
Ante esta situación, Guillerme afirmou de xeito rotundo que agora si que si: ou banca pública galega ou a situación na que estamos non terá saída. Dende o BNG levamos tempo dicindo que isto ía suceder e ofrecendo esta solución.
En resposta ás perguntas dos xornalistas sobre como pode afectar esta decisión aos afectados polas preferentes, o portavoz nacional amosou a súa esperanza en que se atope unha solución á súa situación e asegurou que a resposta que obtiveron na visita que realizaron esta semana a Bruxelas, convidados pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda pon os pelos de punta porque cando se trata de defender os intereses elementais das persoas, na UE non teñen nada que dicir.
http://youtu.be/HB0ZnKQytRQ