O BNG sempre defendeu e defenderá a elaboración dunha candidatura de consenso para a FEGAMP

É rotundamente falso que a comparecencia dunha candidatura impulsada polo BNG teña outorgado ningunha Vicepresidencia ao PP, quen polo seu número de votos tiña indiscutibelmente garantido

Ante as informacións aparecidas a raíz da celebración da IX Asemblea Xeral da Fegamp, o BNG quere manifestar:

  • O BNG é a terceira forza política galega, como certifican os 190000 votos obtidos nas municipais, 29 alcaldías, 469 concelleir@s e a participación no goberno de tres Deputacións ao longo do país, onde defendemos, con honestidade e vontade, un proxecto político nacionalista e de esquerdas que aspira a ser cada vez máis forte e numeroso.

 

  • Diante da renovación da Fegamp, espazo de diálogo e traballo municipalista non decisorio, o BNG defendeu e defenderá a elaboración dunha candidatura de consenso, de cara a que todas as forzas políticas poidan sentirse representadas independentemente do seu volume, e que ningunha das forzas maioritarias obteña a maioría absoluta. Neste sentido, a nosa propia representación estivo e estará a disposición de quen queira integrarse nos órganos.

 

  • O regulamento do que a Fegamp se ten dotado estabelece o seguinte reparto para a confomación da executiva: 9 membros para a candidatura máis votada, 5 para a segunda, 2 para a terceira e 1 para a cuarta. No suposto de que fose presentado un número de candidaturas inferior, as vacantes que queden por cubrir repartiríanse por orde exceptuando á primeira. O número 1 da candidatura máis votada é proclamado Presidente, sendo o número 1 da segunda máis votada o Vicepresidente primeiro e o da terceira o Vicepresidente segundo.

 

  • Os datos evidencian que é rotundamente falso que a comparecencia dunha candidatura impulsada polo BNG teña outorgado ningunha Vicepresidencia ao PP, quen polo seu número de votos tiña indiscutibelmente garantido. De feito, de o BNG e outras forzas non ter concorrido, os postos restantes terían fortalecido ao PP.

 

  • Diante da imposibilidade dunha candidatura de consenso, o BNG lexitimamente presentou unha lista, aberta a quen se quixese sumar desde outros espazos que quixeron dialogar con nós, como evidenciou a participación da alcaldía de Narón (Terra Galega).

 

  • Lamentamos a confusión causada a respecto deste proceso con informacións inexactas, especialmente aquelas que veñen dos espazos políticos cos que precisamente temos máis en común, como evidenciaron as emendas presentadas, e cos que agardamos, pese a todo, tecer unha Fegamp mellor.