O BNG sairá á rúa na defensa da soberanía para Galiza o 15 de setembro
O BNG fai un chamamento aos galegos e galegas para reclamar unha patria soberana na que o pobo sexa quen máis ordena
Tal e como explicou Montse Prado, o BNG fai un chamamento a todos os galegos e galegas a mobilizarse porque a situación de Galiza, lonxe de mellorar, como nos quere facer crer a propaganda do Partido Popular, o único que fai é empeorar. Os problemas dos galegos e galegas están empeorando a esta situación non chegamos de casualidade, senón que se deben ás decisións que están a tomar desde dous gobernos do PP desde Galiza e desde o Estado.
Montse Prado foi tallante e afirmou que facemos esta convocatoria por unha Patria soberana para facer fronte a un PP que xa non disimula a súa ideoloxía nin as súas orixes nin que foron os seus mentores, como por exemplo no caso do alcalde de Baralla que defendeu sen complexos o franquismo, ou como o conselleiro de Educación que anunciou que prorrogará cinco anos máis os concertos con colexios que segregan por sexo e tamén co goberno do Estado volvendo atrás os dereitos adquiridos polas mulleres sobre o aborto libre. Estamos diante da peor dereita retrógrada que exerce sen ningún tipo de complexos, sen careta, gobernando para os amigos poderosos espoliando os nosos recursos e eliminando os servizos sociais.
Hai que saír á rúa porque o PP xa non exerce de goberno en Galiza afirmou Montse Prado, senón que é un goberno de ocupación, actuando como simples lacaios, executores das decisións tomadas pola Troika en beneficio dos poderosos. Por iso tamén facemos este chamamento pola Patria soberana fronte ao proceso de recentralización que están a manter en constante combate contra calquera proceso que tenda cara o autogoberno, xa que precisan da concentración do poder para consolidar a súa estratexia económica de espolio dos recursos da maioría da poboación para beneficio duns poucos. Eles están centrados en afastar a democracia do pobo, por iso é cada vez máis necesaria ca nunca unha patria soberana na que o pobo sexa quen máis ordena.
Bieito Lobeira centrou os obxectivos desta mobilización nacional do 15 de setembro en dar unha resposta galega a unha situación económica e social que é absolutamente insoportábel. Hai que pararlle os pés a uns gobernos que utilizan o pobo galego como unha auténtica colonia. O goberno do Estado está podre e en proceso de descomposición, chegando á cúspide, a Coroa española, e esta corrupción esténdese polo goberno do Estado e o partido que o substenta nun estado economicamente inviábel.
Desde a nosa perspectiva nacional, para o BNG o Estado español non é ningunha axuda para nós nin garante de nada, é un lastre defendeu Lobeira, do que nos temos que emancipar se queremos ter futuro como pobo. Nunha terra tan rica como a nosa, nun país con tantos recursos e potencialidade para crear riqueza, a situación de dependencia e dominio do Estado español sobre Galiza só xera miseria, empobrecemento, desemprego, emigración e roubo a milleiros e milleiros de persoas dos seus aforros por parte dunha banca amparada e ao servizo do Estado español.
Resposta soberanista para que Galiza teña futuro
Por todos estes motivos, Bieito Lobeira afirmou que cómpre unha resposta galega e nacionalista, saíndo á rúa a loitar polos nosos dereitos e vincular a inmensidade dos problemas que sofre o noso pobo á situación de dependencia que padece Galiza. Por iso na manifestación do 15 de setembro xuntaremos as nosas voces aos milleiros de estafados polas preferentes, aos emigrantes retornados, aos desempregados e desempregadas, á mocidade emigrante, na defensa fronte ao espolio dos nosos sectores produtivos, como o naval ou o sector pesqueiro ou os sectores enerxéticos.
Por último, Lobeira tamén explicou que a mobilización e a campaña previa que imos desenvolver queremos tamén que ofreza unha visión de esperanza, malia que o panorama é desolador, Galiza si ten futuro porque temos uns recursos únicos e somos ricos en potencialidades. A través da consecución dunha Patria soberana poderemos proclamar que Galiza ten futuro porque só ten futuro con soberanía política, que será un instrumento para pór en valor todas as nosas potencialidades e poñer o país a producir e xerar emprego.