O BNG reivindica a soberanía de Galiza como a mellor ferramenta para encarar a crise
Vence propón a unidade de acción arredor dun proxecto nacionalista de esquerdas para derrotar a un PP organizado como un exército militar
Os concellos gobernados polo BNG, exemplo de compromiso coa maioría social que confía en multiplicar nos vindeiros comicios municipais
Crítica á política de centralización e recortes que teñen Galiza contras as cordas
A intervención do portavoz nacional, Xavier Vence, arrancou cun repaso a situación que vive Galiza tras sete anos de crise aproveitados pola gran banca e os oligopolios para radicalizar un modelo social inxusto e desigual. As políticas de recortes que impón a Troika, asumidas polos gobernos servís de Rajoy e Feijóo, unido a recentralización están a poñer ao noso país contra as cordas.
A nación que sofre é de carne e oso, recalcou Vence, para enumerar como exemplo do sufrimento de miles de galegos e galegas aos desafiuzados, aos ultraprecarios con traballos por horas en días soltos, os miles de fogares con todos os seus membros en paro e sen ingresos, a emigración masiva de xente nova e, por riba de todo, os 18.000 fogares con nenos que viven ao borde da fame. Nin nos peores pesadelos poderíamos imaxinar tal cousa, subliñou.
Neste contexto, a revindicación da soberanía está máis vixente e resulta máis necesaria ca nunca, como a mellor ferramenta para encarar a crise, solucionar os problemas reais do país e garantir un futuro para a xente nova.
Os pobos queren, en nós tamén queremos, dotarnos de ferramentas para gobernar o noso propio país, para encarar a crise e para construír un futuro para as novas xeracións, salientou Vence, no que definiu como ano das nacións, coa convocatoria dos referendos en Escocia e Catalunya. Demostran que a reivindicación nacionalista é máis actual e urxente ca nunca. É lexítima e normal, asegurou.
Para avanzar nese camiño é necesario galeguizar os debates e galeguizar as alternativas políticas, pensadas desde aquí e para aquí. Nese sentido, Vence insiste en romper calquera supeditación á forzas estatais, defende a unidade de acción arredor dun proxecto nacionalista de esquerdas, e propón tender a man a todos e todas as que queiran sachar na gran agra do nacionalismo.
Cada un desde a súa personalidade e singularidade, o importante é que podamos contribuír todos con xenerosidade a gran polo nacionalista de esquerdas que necesita este país, avanzaba Vence en declaracións aos medios ao inicio da manifestación.
Asembleas abertas
O portavoz nacional salientou que o BNG ten un proxecto para Galiza que quere compartir con toda a cidadanía, -se recoñeza nacionalista ou non-, a través do proceso de Asembleas abertas por todo país, para abrir un diálogo franco con todos e todas, para socializar o noso proxecto e experiencia, pero tamén para escoitar e incorporar ideas e persoas.
Coa proximidade das citas electorais, o Bloque aposta por abrir as portas para ensanchar a base social coa intención de ser a ferramenta capaz de transformar a rebeldía, a carraxe e a indignación sen caer, dixo Vence, na espontaneidade desorganizada. Por aí non iríamos moi lonxe fronte a un PP organizado como un exército militar e a rede de poderes que o amparan. Sen organización non seríamos nada. A cidadanía, organizada e cun proxecto de país, podemos selo todo, recalcou.
O dirixente nacionalista puxo aos concellos gobernados polo BNG, como exemplos de compromiso coa maioría social, modelos de que é posible facer cunha xestión a favor da xente, e confía en que os municipios con goberno nacionalista ser reforcen e multipliquen nos vindeiros comicios locais.
O BNG vai a por todas para gañar, con realismo e determinación para derrotar ao PP, e ao centralismo que se xustifica con propaganda ideolóxica, denunciou Vence, quen puxo como último exemplo a estafa intelectual das balanzas fiscais presentadas por Madrid, que ocultan o espolio de 1.322 millóns de euros a Galiza.
Temos un proxecto para sacar a este país adiante. Estamos abertos a todo o mundo que queira sumar. Acumularemos forzas e conseguirémolo, concluía Vence un discurso que arrancaba cun berro de denuncia contra o masacre de Palestina e cunhas palabras de recoñecemento e recordo ás vítimas do accidente de Angrois, cuxa maior mostra de respecto, -dixo-, é que se saiba a verdade, que se restitúan todos os seus dereitos e que se adopten as medidas que impidan un traxedia como a vivida.
O secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, e a responsable de Muller da Executiva, Saleta Chao, precederon a Vence na Quintana, onde reivindicaron o papel da xente nova para construír unha Galiza con futuro, e o seu dereito a vivir e traballar na terra. Especial recoñecemento tamén a cidadanía organizada que saíu a rúa para defender os servizos públicos e os dereitos e liberdades.
Discuros íntegro de Xavier Vence