O BNG recuperará a Consellería de Cultura e paralizará os novos edificios do Gaiás

 

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, comprometeuse  a dispor todos os recursos necesarios para apoiar á creación e difusión da cultura galega, a través do seu tecido produtivo e da súa potente industria, “frente á deformación da política cultural que practicou o PP esta lexislatura, confundindo cultura con obra pública”.

Neste sentido, Jorquera asegurou que de ter responsabilidades de goberno unha das prioridades no ámbito cultural será paralizar definitivamente os edificios pendentes da Cidade da Cultura e redifinir os usos dos existentes.

“Para o BNG a cultura é unha ferramenta imprescindíbel, é un sector estratéxico que cómpre dotar dos recursos suficientes pois como acaba de dicir Ana Pontón prescindir da cultura conduce á barbarie”.

O candidato nacionalista defendeu a triple vertiente da cultura: identitaria, social e económica. “Identitaria porque somos pobo porque temos unha lingua e cultura propias, que ademais nos fan universais”.

Do ponto de vista social, porque o acceso á cultura é unha compoñente básica de benestar e de progreso, é un dereito social e do ponto de vista económico asegurou que é imposíbel modificar o patrón de crecimento se se prescinde da cultura.

“A industria cultural -engadiu- representa o 2 por cento do PIB mentres en Europa é o 2,5. Se nos désemos equiparado con Europa incrementariamos o PIB galego en case 300 millóns de euros, coa conseguinte creazón de milleiros de postos de traballo”.

De equipararnos con Europa, onde a industria cultural representa o 2,5 do PIB, teriamos unha inxección económica de 300ME ao ano

Para Jorquera, a política de Feijóo en materia lingüística e cultural é o mellor exemplo de como empregar a ferramenta do autogoberno en contra do País e non do seu beneficio. “Feijóo o primeiro que fixo nada máis chegar á Xunta foi agredir o gaelgo cunha estratexia milimetrada para ir reducindo pouco a pouco os seus espazos de uso”.

O candidato do BNG lamentou a “ceguera sectaria” de Feijóo e a “asfixia” á que sometou á creación cultural, “atancando un sector xerador de riqueza”, reiterou.

Ana Pontón

Ana Pontón, candidata número 2 pola Coruña, tomou a luva de Jorquera e comprometeuse a democratizar a política de axudas, a través da desaparecida Consellería de Cultura, obviamente, “que nós imos recuperar, pois invertir en cultura non é nin un luxo nin un despilfarro, é unha necesidade”.

Pontón acusou a Feijóo de ser un precursor de Wert e cualificou a súa política en materia cultural esta lexislatura de “cóctel explosivo de incompetencia, desleixo, prexuízo e incapacidade para dar respostas ás necesidades do sector”.

Nun concurrido acto aberto ao público, tamén tomaron a palabra Goretti Sanmartín, Lucho Penabade, Alicia Fernández, Marta Dacosta e Manuel González, que aproveitou o lema do BNG para reclamar “poder gobernar nós o noso audiovisual”.

 

 

http://youtu.be/VN2IWJ91MGU