O BNG reclama que se abran as 1.015 camas pechadas nos Hospitais galegos nos meses de verán
Xavier Vence reta a Feijóo a rectificar, tras os resultados electorais nos que a cidadanía castigou severamente as políticas de recortes do Partido popular
O portavoz do BNG, Xavier Vende denunciou hoxe, ante os medios de comunicación a decisión da Xunta de pechar 1.015 camas nos hospitais galegos durante os catro meses de verán.
Para o portavoz nacionalista, a medida é inxusta para os miles de pacientes que agardan por unha intervención cifrada para os técnicos da sanidade galega en 36.000 persoas. Dende o BNG cremos que ante esta lista de agarda e o peche de 1.015 camas, a Xunta amosa o seu desprezo aos pacientes afectados que financian cos seus impostos un sistema sanitario público.
Vence reta a Feijóo a que abandone as políticas de recortes
O portavoz do BNG lembrou que Núñez Feijóo, tras ver os resultados electorais nos que a cidadanía castigou severamente as políticas de recortes do PP, anunciou que era necesario cambiar as formas e as caras así como mudar as políticas, pois ben , dixo o portavoz nacionalista, Feijóo ten unha oportunidade de ouro para abandonar esas políticas de recortes que endurecen as condicións de vida e que restan dereitos aos miles de pacientes das listas de agarda polo que convidou ao Presidente da Xunta a rectificar para manter abertas as 1.015 camas, contratar ao persoal necesario e manter a asistencia sanitaria con normalidade.
Por outra parte, Vence tamén aludiu as consecuencias que o peche de camas provocará nos tratamentos de 20.000 persoas durante os catro meses de verán. A redución dos tratamentos e intervencións, afirmou, tamén afecta á calidade sanitaria e persoal sanitario que permanece nas listas de contratación e engrosan un longo período nas listas de paro.
O portavoz nacional do BNG cualifica de triplemente nefasta a política sanitaria da Xunta
Vence denunciou o desvío de pacientes da sanidade pública á sanidade privada e cualificou de triplemente nefasta a política sanitaria da Xunta por impedir os tratamentos e intervencións das 36.000 persoas en lista de agarda, reducir a calidade sanitaria e provocar un despilfarro de camas pechadas mentres son transferidos recursos públicos para financiar á sanidade privada.
O BNG presentou diversas iniciativas no Parlamento para que a Xunta explique este tipo de decisións e tome en consideración as demandas dos profesionais, sindicatos sanitarios, plataforma SOS, Sanidade Pública. Non se pode paralizar a actividade asistencial nos hospitais, hai que contratar persoal sanitario e abrir as plantas e camas, aseverou.
O BNG apoia as mobilizacións en defensa da Sanidade Pública
Neste sentido, o portavoz nacionalista anunciou o apoio do BNG ás mobilizacións do persoal sanitario, sindicatos e colectivos de pacientes que terán lugar esta semana e a vindeira nos hospitais galegos e mostrou un documento que será entregado aos usuarios para que non acepten ser desviados á sanidade privada esixindo seren atendidos con calidade, con persoal médico preparado e facendo uso das infraestruturas da Sanidade Pública.