O BNG quere que a Fiscalía investigue se a Xunta prevarica ao mudar o contrato con Copasa
O BNG levará ante a Fiscalía Xeral por un presunto delito de prevaricación a modificación do contrato entre a Xunta e a empresa COPASA, modificación que triplica o custe da Autovía Costa da Morte e deixa a adxudicataria exenta da construción de 25 dos 42 quilómetros proxectados.
A revisión implica que a empresa queda eximida de facer o 40% dos quilómetros previstos a cambio dun aforro do 17%. A min iso paréceme un saqueo de recursos públicos, sentenciou o portavoz parlamentario, Francisco Jorquera, tras emprazar á conselleira de Economía a retirar esa modificación incluída na Lei de medidas fiscais e administrativas. Non vaia ser que por este asunto acabe imputado todo o Goberno. Xa teñen un precedente: o Concello de Santiago, advertiu.
O BNG denuncia que a modificación do contrato ten por obxecto beneficiar a unha empresa amiga do PP. Unha autovía que ten un custo real de 200 millóns de euros vai supoñer para as arcas públicas máis do triplo, cun prezo por quilómetro cadrado que pasou dos 9,7 aos 22,8 millóns de euros. A obra redúcese nun 55% e o prezo multiplícase nun 235%, alegou Jorquera. Se isto non é prevaricación, paréceselle moito, dixo, de aí a decisión de recorrer á Fiscalía.
Non foi o único punto que centrou o debate da emenda á totalidade presentada polo Bloque á Lei de acompañamento dos orzamentos de 2015, un texto cualificado de caixón de xastre usado polo Goberno de Feijóo para modificar ducias de normas pola porta de atrás furtándolle o debate a este Parlamento e á cidadanía, criticou.
A Lei de acompañamento exemplo de degración da democracia e menosprezo ao Parlamento que practica o PP
É un exemplo de degradación da democracia e de menosprezo á este Parlamento e da complicidade centralista que practica o PP, denunciou Jorquera, un Goberno galego que renuncia a ser tal e se converte en recadeiro dos ditados do Executivo central.
Favorecer a implantación de grandes superficies que aniquilan o comercio local, flexibilizar as concesións para proxectos de megaminería, minguar a protección ao patrimonio no planeamento urbanístico, endurecer os tempos para recoñecer prestacións por dependencia ou consolidar o dogma fanático do déficit, foron algunhas das reformas incluídas na Lei de acompañamento denunciadas polo Bloque.
Medidas, algunhas discutibles e outras claramente perniciosas para o interese público, pero todas merecedoras dun debate específico que se coarta con este xeito de proceder, concluíu Jorquera.