O BNG protesta contra o recorte de dereitos parlamentarios retirando a pregunta a Feijóo
Jorquera reprobou o cambio antidemocrático das normas da Cámara que recorta dereitos de deputados e deputadas, grupos parlamentarios e da propia sociedade que non pode trasladar as súas demandas ao Parlamento
O portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera renunciou hoxe a formular a pregunta a Núñez Feijóo en sinal de protesta polo recorte de dereitos dos deputados e grupos parlamentarios.
Jorquera explicou que o que acontece no Parlamento non é alleo aos recortes dos dereitos que padece o conxunto da sociedade e recortando os dereitos dos deputados e grupos parlamentarios, recalcou, estase conculcando o dereito dos seus representados a trasladar todas as demandas da sociedade a esta Cámara.
Presidindo os nosos escanos, indicou o deputado, está o lema Non ao recorte a Democracia, non nos calarán e lembrou que dende os tempos de Manuel Fraga Iribarne, neste Parlamento é a segunda vez que se da a circunstancia anómala na que non todos os grupos parlamentares poden formular a pregunta ao presidente como resultado dun cambio antidemocrático das normas que non se axusta nin a composición da propia Cámara. Os recortes parlamentares, engadiu, motivou que o BNG presentara un recurso ante Tribunal Constitucional, un recurso, non para defender o noso dereito a formular preguntas de control ou ter máis iniciativas, fixémolo para defender os dereito de todos os deputados e as deputadas, os grupos parlamentarios e a propia sociedade, sentenciou.
Feijóo fai caso omiso a retirada e responde á pregunta
Núñez Feijóo iniciou a resposta á pregunta retirada polo BNG afirmando ser o presidente da Xunta que máis preguntas leva respondido o que provocou que Jorquera pedira a palabra á Presidenta da Mesa para repetir que a pregunta estaba retirada, respondendo a presidencia da Mesa que o Presidente ten dereito a responder. Ante o argumento de Pilar Rojo, Jorquera reiterou que o BNG retirara a pregunta e que Feijóo non debía responder a unha pregunta retirada. A insistencia de Jorquera de tomar a palabra por alusións de Núñez Feijóo provocou que Pilar Rojo amoestara ao portavoz do BNG, cunha chamada a orde.