O BNG propón autonomía de xestión e comercial para os estaleiros de Ferrol e Fene

A construción naval marca máximos históricos porque a maior parte do transporte de mercadorías se fai por mar, por iso se constrúen cada vez máis barcos e así será no futuro, o que explica o auxe do sector nos países asiáticos e europeos.

Se no resto de do mundo a construción de buques está en máximos, se en Europa os estaleiros de Alemaña, Holanda e Noruega están a pleno rendemento, por que en Galiza non. O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, denuncia que  “falta unha estratexia para o sector naval, ao contrario, hai unha estratexia para desmantelar o sector a través dunha terceira reconversión industrial que se prepara con premeditación e aleivosía”.

En seis anos non se asinou nin un só novo contrato para os estaleiros de Ferrol e Fene, ao que se suman os incumprimentos da construción dun dique flotante, dos catro gaseiros de Repsol e Gas Natural que acaban en Corea e Xapón, e seguen sen concretarse os dous floteis de Pemex.

“Gas Natural-Fenosa goza de tarifas eléctricas que fai que teñamos unha das facturas de luz máis caras de Europa, e os ministros Soria e Margallo fan de axentes comerciais de Repsol en Arxentina, pero non son quen de acadar que estas dúas empresas que teñen recibido cuantiosas axudas públicas de todo tipo constrúan os catro gaseiros nos estaleiros do país”, denunciou Vence.

O dirixente nacionalista tilda esta situación “de escándalo” que lle fai preguntarse “para quen goberna o PP e que intereses defenden, que estratexia e que compromisos hai detrás. A conclusión do BNG é que estamos ante unha terceira reconversión para acabar coa construción naval pública en Galiza”, alerta.

Proposta en seis puntos

Neste contexto de emerxencia do sector, o Bloque presenta unha proposta estruturada en seis puntos para “manter unha industria clave para o país, con futuro no mundo e, polo tanto, tamén aquí”, recalca Vence.

En primeiro lugar, o BNG propón autonomía de xestión e de comercialización para os centros de Ferrol e Fene que son os máis competitivos de Navantia e, incluso nas peores condicións, deron uns beneficios de 67 millóns de euros entre 2008-2012, que foron absorbidos polas perdas de 75 millóns de euros de Navantia Madrid.

“Navantia Ferrolterra é a parte máis competitiva da compañía, con capacidade tecnolóxica, cun persoal de alta cualificación e con prestixio no mundo, hai que aproveitalo e non deixar que a rémora da Navantia estatal e doutras partes do Estado se leve por diante o nosos estaleiros”, argumento o portavoz nacional.

Estes datos figuraban entre a documentación que o Bloque enviou a semana pasada a Feijóo cando pedía os balances desagregados dos centros de Navantia. “Parece mentira que o presidente da Xunta teña que pedir eses datos, un xogo de cinismo e de irresponsabilidade dun gobernante que di non ter nin sequera esa información que lle enviamos nós mesmos”, criticou Vence.

En segundo lugar, oposición frontal ao terceiro plan de reconversión que a propia Navantia quere pór encima da mesa “para, sospeitamos, finiquitar o sector naval”. A terceira medida, esixir o cumprimento dos compromisos que dean carga de traballo ao estaleiros de Ferrolterra como o dique, os gaseiros e os floteis.

En cuarto lugar, apostar pola diversificación coa construción naval civil, a reparación como mercado en alza, e actividades complementarias como a produción de turbinas para o sector eólico e de enerxía endomotriz.

 En quinto lugar, un financiamento en igualdade de condicións cos nosos competidores “porque non é de recibo que a construción naval no noso país se financia a xuros do 10 ou 12%, mentres a holandesa ou alemana o fai ao 4%”. “Un exemplo máis da importancia de converter NGB nunha banca pública galega”, argumentou.

En sexto lugar, cumprimento da Lei da construción naval e demandar presenza directa de Galiza no consello de Administración de Navantia “o que nos permitiría coñecer con anticipación, impulsar e participar nos plans da compañía”.

Dignidade dos traballadores

Para o BNG, “o obxectivo é saír de 2013 cun proxecto de recuperación do sector naval galego, fronte aos intereses ocultos dos que planean a terceira reconversión naval en Ferrolterra que sería mortal para o sector e para a comarca. Podemos facelo porque Galiza ten un sector naval capaz de competir nunha industria de futuro”, concluíu.

Vence fixo un recoñecemento expreso “á dignidade” da Comarca de Ferrolterra que está na rúa para defender o naval, e en particular ao comité de empresa e as plantillas tanto dos estaleiros como das empresas auxiliares.