O BNG presenta no Congreso unha batería de iniciativas para esclarecer todos os interrogantes sobre

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2013.- A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, e o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, presentaron esta mañá en rolda de prensa a batería de iniciativas presentadas no Congreso dos Deputados que busca esclarecer as verdadeiras causas e os interrogantes do accidente ferroviario do Alvia en Angrois. “As declaracións contraditorias dos presidentes de Renfe e de Adif e as medidas de seguridade que se están adoptando poñen de manifesto que esas medidas de seguridade non estaban adoptadas, por iso é necesario botar luz sobre todos os factores”, sinalou a deputada do BNG.

Así, en primeiro lugar, a parlamentar nacionalista debullou a proposición de creación dunha comisión de investigación para deitar luz sobre o grave sinistro e sobre a situación das infraestruturas ferroviarias en Galiza. “As causas deben aclararse con veracidade, obxectividade e transparencia para que non volva acontecer nada igual”, sinalou Rosana Pérez, quen engadiu que esta comisión debe estudar, entre outras cuestións, o trazado do lugar do sinistro e os cambios de velocidade estipulados, a posibilidade de mellora dos sistemas de seguridade ou a idoneidade de aumentar a dous o número de maquinistas responsábeis de dirixir a locomotora.

Ademais, a deputada do BNG expuxo a proposición non de lei presentada polas nacionalistas para que os membros desta comisión sexan nomeados polo Pleno do Congreso, e non polo Ministerio de Fomento. A finalidade, salientou Rosana Pérez, pasa por garantir o rigor absoluto, a pluralidade e a independencia desta comisión de investigación.

Pola outra banda, a deputada do BNG presentou unha serie de preguntas escritas sobre relativas aos sistemas de seguridade ASFA e ERTMS do tren Alvia que une Galiza con Madrid. “Cos datos que imos coñecendo das caixas negras e coas informacións de profesionais ferroviarios queda claro que a seguridade era moi mellorábel”, apuntou Rosana Pérez, quen engadiu que “non entendemos como ano e medio despois da inauguración do tramo de alta velocidade en que tivo lugar o sinistro non se adoptasen as medidas oportunas para que operase o ERTMS”.

Tamén presentou o BNG no Congreso unha serie de preguntas sobre o trazado do tramo en que aconteceu o fatídico sinistro. “Non considera o Ministerio que se trata dun tramo perigoso ou de risco para a condución? Non debería haber sistemas de seguridade reforzados, como semáforos e sinais de velocidade? Non resulta demasiado brusco e arriscado reducir nun espazo tan curto a velocidade?”, apuntou Rosana Pérez.

Por último, a deputada do BNG anunciou que as nacionalistas presentarán no Congreso unha petición de acceso ao proxecto de construción do Alvia para saber se as medidas de seguridade contempladas foron finalmente instaladas e se se puxeran en funcionamento.

A batería de iniciativas presentada na mañá de hoxe no Congreso dos Deputados súmanse ás xa presentadas polo BNG no Parlamento de Galiza para que se determine con rigor cada interrogante sobre o accidente co fin de impedir que volva acontecer unha catástrofe como a do 24 de xullo.

Vence reclama restaurar a lexitimidade democrática e que se convoquen eleccións despois do verán

Pola súa banda, o portavoz nacional do BNG acusou o Goberno central de ser refén dos intereses do Partido Popular e dos seus financiadores. Pediu restaurar a lexitimidade democrática porque “un Executivo corrupto, como este, non pode gobernar”. De aí que reclamara a convocatoria de eleccións para despois do verán. “A situación é insostíbel e irrespirábel”, salientou Vence, quen advertiu do “baño de cinismo e mentiras” da comparecencia de Rajoy. Tamén tivo palabras para Feijóo, ao que acusou de escapismo e de non querer explicar o financiamento do PP en Galiza.

“Este baile de máscaras, de falsidade e de cinismo do PP está a indignar a cidadanía, que avoga por romper con esta situación”, apuntou. “Cómpre darlle voz ao pobo para acabar coa podremia que deturpou os últimos procesos electorais”, engadiu. Xavier Vence finalizou a súa intervención chamando a “recuperar a democracia secuestrada”.