O BNG potenciará o medio rural como elemento estratéxico para o crecimento económico de Galiza

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, comprometuse cos representantes das principais organizacións agrarias a traballar proactivamente dende o 21 de Outubro para atender as súas demandas e garantir así a potenciación do medio rural como elemento estratéxico da política de crecimento que precisa Galiza.

Jorquera asegurou que de ter responsabilidades de goberno, o BNG traballará nesta dirección pero advertiu que a actual Xunta ten que actuar xa, porque o sector está nunha situación límite, cos prezos do leite máis baixos do Estado, e precisa dunha intervención directa do goberno.

Inspección e sancións ás grandes distribuidoras

Neste sentido, o candidato nacionalista denunciou as prácticas ilegais e fraudulentas que están realizando as grandes distribuidoras en detrimento do leite galego e lembrou que a administración ten mecanismos de inspección e de sanción para facerlles frente pero non os exerce.

Emprazo á actual Xunta a que actúe xa sobre o prezo do leite para evitar a situación límite na que se atopa o sector

Para Jorquera, a fixación de prezos por contrato obrigatorio ten que ser froito do acordo das partes “e se non hai acordo o goberno galego ten que arbitrar e garantir uns prezos xustos e ten ferramentas para facelo”, reiterou.

Sector estratéxico

O candidato do BNG lembrou que o sector primario é estratéxico para Galiza e advertiu que non hai País desenvolvido que construise o seu progreso dende o abandono do seu medio rural.

“Galiza pasou de ser a despensa de España, como adoitaban dicir, a que agora a maior parte dos productos que consumimos sexan productos importados”.

Jorquera explicou que cómpre invertir esta situación porque non só están en xogo máis de 12.000 explotacións senón tamén o futuro económico de comarcas enteiras.

“De non se corrixir tanto os problemas estructurais como os máis inmediatos que padece nestes momentos o rural, atoparémonos co peche de explotacións e coa desertización económica e humana de comarcas enteiras”.

Vilar de Santos

Por outra parte, a preguntas dos xornalistas sobre as baixas do BNG dos concelleiros e alcalde de Vilar de Santos, Jorquera respostou lembrando que na práctica están desvinculados do BNG dende a última Asemblea e traballando para outra forza política.

Habería que preguntarse, dixo, por que elixen xusto o proceso electoral para formalizar a decisión e apuntou a que só teñen como obxectivo facerlle un favor ao Partido Popular.

Jorquera reiterou que o BNG segue traballando nos problemas que realmente preocupan á xente, como os problemas do rural, “e ten demostrado que estamos fortes e unidos, como se puido comprobar o pasado 25 de Xullo ou na Convención do pasado Domingo”.

Salario de deputados

Sobre a decisión de Dolores de Cospedal de retirarlle o soldo aos deputados, criticou que sexa precisamente ela, unha persoa que chegou a cobrar tres salarios que superaban os ingresos do presidente do goberno, “unha persoa que carece totalmente de ética, a que propoña unha medida populista, demagóxica e con tufo franquista que só vai permitir ser parlamentares aos rentistas”.

 

http://youtu.be/drRH07wjric