O BNG pide que o Parlamento recorra a LOMCE por invadir competencias de Educación en Galiza
O BNG rexistra un escrito polo trámite de urxencia pedindo que o Parlamento interpoña un recurso de inconstitucionalidade contra a lei Orgánica de mejora de la calidad educativa (Lomce) porque está lexitimado para facelo
O grupo parlamentario do BNG pide no escrito recorrer unha lei rexeitada por toda a comunidade educativa e inxerente coas competencias galegas en materia de educación.
O portavoz nacionalista, Francisco Jorquera, acompañado dos deputad@s: Ana Pontón, Montse Prado, Tereixa Paz e Cosme Pombo salientou, ante os medios de comunicación, que o Parlamento galego está lexitimado para interpoñer un recurso de inconstitucionalidade contra a LONCE, unha lei, dixo, que responde á intención de impoñer a visión ideolóxica da dereita apostando por un ensino clasista, mercantilista e confesional ademais de invadir e anular as competencias de Galiza en materia educativa.
Para Jorquera, esta lei condena a Galiza sen ensino propio e ao idioma galego a un papel residual para evitar que en Galiza contemos cun ensino adecuado a nosa realidade nacional, cultural, social e histórica.
Cospedal delatase ao cualificar de erro a transferencia de competencias ás comunidades autónomas
A centralización brutal pretendida polo Goberno do PP persegue degradar dereitos e servizos públicos fundamentais como ocorre co ensino, afirmou Jorquera.
Neste sentido, o nacionalista lembrou as recentes declaracións da Secretaria xeral do Partido popular, Dolores de Cospedal que abondou neste extremo ao afirmar que fora un erro transferir as competencias en materia de educación ás CC.AA.
O Parlamento galego, engadiu, ten o deber de defender o autogoberno e impedir a invasión de competencias para que Galiza poda ter o seu propio modelo educativo, concluíu.
A Lei Wertgoña borra os dereitos culturais e lingüísticos en Galiza
Pola súa parte, o portavoz de educación do BNG, Cosme Pombo explicou que a LONCE ou Lei da Wertgoña representa para Galiza un modelo educativo contrario aos intereses do noso país e a sociedade galega ao longo deste ano manifestouse en contra a través de diversas mobilizacións que superaron as corenta mil persoas e un manifesto asinado por máis de cincocentos representantes da cultura que chaman ao pobo a reaxir contra unha lei que borra o dereito de todos os galegos e galegas a ter unha cultura propia e idioma galego.
No fondo, dixo, a lei Wert converte o ensino nun negocio para empresas privadas e tenta borrar os nosos sinais de identidade, a lei aparta o galego do ensino e borra a nosa historia e cultura, concluíu.