O BNG pide esclarecer as causas técnicas, humanas e políticas do accidente
O portavoz nacional do BNG rexeita converter ao maquinista en chivo expiatorio e único culpable do sinistro
O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence afirmou hoxe que o sinistro rexistrado o pasado 24 de xullo rompe coa propaganda dos distintos gobernos estatais sobre as virtudes do sistema ferroviario implantado en Galiza e anunciou que o BNG pedirá no Congreso dos deputados e Parlamento galego comisións de investigación ao fin de coñecer as razóns polas que non foron utilizadas todas as medidas de seguridade dispoñibles, deben ser esclarecidas as causas técnicas, humanas e políticas do sinistro, sentenciou.
Xavier Vence, acompañado da deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, o portavoz no Parlamento galego, Francisco Jorquera e os membros da Executiva Nacional rexeitou ante os medios de comunicación converter ao maquinista en chivo expiatorio e único culpable do accidente ferroviario e acusou aos responsábeis de RENFE e Adif de descargar toda a culpa sobre un fallo humano.
O día máis triste da Patria galega
Para o portavoz nacionalista, despois dunha semana de dor co día da patria máis triste, dende o ano 1968, porque un accidente ferroviario tronzou a vida de 79 persoas e feriu a moitos que continúan ingresados nos hospitais galegos, é, dixo, o momento de facer balance.
Neste sentido, lembrou que tras coñecer o sinistro, o BNG en solidariedade coas vítimas e ferid@s, acordou suspender todas as celebracións e actos programados para o día da patria, é a primeira vez que dende 1968, non se celebran actos políticos e festivos para celebrar os nosos dereitos nacionais e as liberdades políticas.
Momento de buscar as causas e dirimir responsabilidades
O voceiro nacionalista engadiu que o silencio respectuoso ten que dar paso agora ao diagnóstico das causas, a busqueda de solucións e dirimir as responsabilidades se as houber.
Xavier Vence pediu imparcialidade e rapidez na busca das causas do accidente para que non ocorra o mesmo que co Prestige, o BNG, dixo, non vai aceptar que os intereses dos políticos responsables e empresas implicadas oculten as verdadeiras causas do accidente porque, a seguridade debe estar sempre por riba da conta de resultados e carteira de pedidos das grandes empresas.
Todos os aspectos do trazado, unha curva inapropiada para a alta velocidade, sistemas de seguridade nas vías, freado e modelo de tren debe facernos reflexionar para saber que modelo ferroviario temos en Galiza deseñado por criterios impostos dende unha visión centralista e marcado polas grandes empresas de infraestrutura ferroviaria.
A cidadanía demanda solucións ás eivas do sistema ferroviario
O portavoz do BNG insistiu en que RENFE, ADIF, o Ministerio de Fomento e o Goberno deben explicar porque non se utilizan nese traxecto as medidas tecnolóxicas máis avanzadas e dispoñibles, porque se utilizan trens que non poden usar esas medidas, cantos tramos teñen esas mesmas taras e cando serán corrixidas.
Xavier Vence parabenizou a todos os traballadores dos servizos públicos e concretamente aos Operativos de emerxencia e sanitario polo seu labor brillante e xeneroso que salvaron a deficiencia, lentitude e descordinación inicial da Xunta de Galiza.
Neste sentido insistiu que os servizos públicos deben ser valorados e apreciados e sobre todo protexelos evitando a tentación de seguir aplicando recortes poñendo en perigo a súa calidade e prestacións.
Empregad@s públicos ao servizo da cidadanía
O portavoz do BNG tamén se referiu ao excelente traballo de Protección Civil, sanitario, Cruz Vermella, Colexio de Psicólogos e a rápida intervención dos veciños e veciñas de Angrois así como a todos eses cidadáns que de maneira desinteresada acudiron ao lugar do sinistro para colaborar nos labores de rescate e axuda as persoas feridas, todos eles fixeron que a catástrofe non fora a máis.
Vence considerou que é necesario explicar porque permaneceron pechados os quirófanos do hospital de Conxo e aclarar porque houbo que agardar dúas horas para que fora declarado o nivel dous de emerxencia que implicaría unha mellor coordinación de todo o operativo.
Finalmente o portavoz do BNG preguntou as razóns polas que o Exercito non se personou cos helicópteros no lugar do sinistro e criticou a cobertura informativa dalgúns medios de comunicación empeñados en insinuar un atentado despois de ser emitido o comunicado do Ministerio do Interior descartando esta posibilidade e apuntando aspectos técnicos ou exceso de velocidade.
Comisión de investigación no Congreso e Parlamento galego
Pola súa parte, tanto a deputada Rosana Pérez como o portavoz do Grupo parlamentario, Francisco Jorquera anunciaron que o BNG pedirá no Congreso e na Cámara galega crear sendas comisión de investigación e modificar os membros da comisión técnica do Ministerio de Fomento así como a comparecencia de Ana Pastor co fin de esclarecer as verdadeiras causas do accidente ferroviario.
Jorquera engadiu que o BNG solicitou ao Goberno galego a celebración dun acto cívico de homenaxe ás vítimas que terá lugar mañá ás 19.00hs en San Domingos de Bonaval.