O BNG pide que compareza Pablo Crespo no Parlamento galego
Francisco Jorquera anunciou hoxe que o grupo parlamentario nacionalista solicitará a comparecencia do exsecretario de Organización do PPdeG, Pablo Crespo na comisión de estudo sobre a corrupción.
O BNG proporá aos grupos do PSdeG e AGE asinar conxuntamente a petición de comparecencia para dotala de máis contundencia e forza ao fin de esclarecer as gravísimas manifestacións do exsecretario do Partido popular de Galiza no programa Salvados emitido o pasado domingo no que insinuou que a financiación ilegal do PPdeG continuou despois de ter abandonado o cargo de secretario de Organización do Partido popular galego.
O portavoz parlamentario afirmou que Núñez Feijóo era coñecedor dese sistema polo que é necesario que Pablo Crespo ratifique, neste Parlamento, as súas manifestacións para que a Cámara galega poda concluír que medidas deben ser aplicadas contra os casos de corrupción que salpican ao partido gobernante en Galiza.
O BNG considera que Núñez Feijóo debe comparecer e deixar de mirar para outro lado e seguir botando debaixo da alfombra a merda por que, dixo, por desgraza xa non colle máis.
Feijóo ten a obriga política e ética de comparecer ante o Parlamento para dar explicacións pero dado que o PP permanece na súa actitude de bloquear coa súa maioría absoluta esta comparecencia e ampara a Núñez Feijóo e a súa política de agochar debaixo da alfombra a merda, o BNG esixe a comparecencia de Pablo Crespo na Comisión de Estudos da corrupción.