O BNG participa na conmemoración do 25 de abril convidado polo Bloco de Esquerda
Vence: As políticas de recortes en Portugal son as mesmas que sufrimos en Galiza; mentres Portugal está intervido pola Unión Europea e pola troika, en Galiza estamos intervidos pola Unión Europea, pola troika e, ademais, polo Goberno central, que nos impide desenvolver as nosas potencialidades
Por vez primeira na historia, unha delegación do Bloque Nacionalista Galego, formada polo portavoz nacional, Xavier Vence, polo secretario de Organización, Bieito Lobeira, e pola eurodeputada, Ana Miranda, participou nos actos conmemorativos con motivo do XXXIX aniversario 25 de abril, da Revolución dos Cravos, convidado polo Bloco de Esquerda.
Tras a sesión solemne na Assambleia da República, no Palácio de S. Bento, o portavoz nacional do BNG puxo de manifesto as coincidencias entre o discurso da esquerda portuguesa coas reivindicacións dos nacionalistas galegos, unhas reivindicacións que se centran, nomeadamente, na necesidade de conquistarmos a soberanía nacional, a capacidade de decidir, para poder defender a nosa economía produtiva fronte aos mercados e fronte á troika.
Xavier Vence sinalou que o futuro de Galiza tamén depende do futuro de Portugal. E é que a gravísima situación que padece o país luso, sumido no empobrecemento, é consecuencia das políticas de retallamentos da Unión Europea e da troika e representa o espello do que nos vén enriba en Galiza. Por iso, apelou, á defensa da liberdade e da democracia que a troika está a arrasar tanto no país luso, como en Galiza e na periferia europea. Nesta liña, denunciou que a dereita, ao igual que acontece no noso país, está a baleirar as institucións e está a devaluar as regras de xogo da democracia, dinamitando o poder de decisión para favorecer os mercados.
Ao igual que acontece en Galiza, a dereita portuguesa, sinalou Vence, emprega as mesmas manobras e culpa o pobo de vivir por riba das posibilidades. Deste xeito, criticou, fai recaer o peso da profunda crise, causada polas finanzas especulativas e os mercados globais desregulados e non polas persoas, na inmensa maioría social, que está a sufrir grandes recortes en materia de salarios e pensións e que sofre, tamén, a privatización dos servizos públicos.
Así, advertiu de que as políticas de recortes son, de facto, as mesmas en Portugal que as que sufrimos en Galiza, cuxo fracaso está a levar ao colapso e á miseria a economía de ambos os dous países. Salientou que Portugal está intervido pola Unión Europea e pola troika e que Galiza está intervida pola Unión Europea, pola troika e, ademais, polo Goberno central, que nos impide desenvolver as nosas potencialidades e recursos. De aí que o portavoz nacional do BNG apuntara á necesidade de que o pobo recupere a súa soberanía porque o pobo é quen máis ordena.
Despois da sesión solemne na Assambleia da República, os nacionalistas reuniranse cunha delegación Bloco de Esquerda, encabezada pola coordinadora, Catarina Martins, encargada de pronunciar o discurso da organización que representa no Palácio de S. Bento, e polo líder do Grupo Parlamentar do Bloco, Pedro Filipe Soares.
A continuación, Xavier Vence, Bieito Lobeira e Ana Miranda participaron co Bloco de Esquerda na mobilización unitaria do Día da Liberdade, que partiu, pasadas as 15h, da Praça Marquês do Pombal, manifestación na que os nacionalistas estiveron co líder da Syriza, Alexis Tsipras. Trátase dunha convocatoria unitaria contra as políticas de asfixia social da troika contra o pobo.