O BNG opónse "radicalmente" os Orzamentos do Estado dos que Galiza recibirá 95 millóns menos
Xavier Vence afirma que o Partido popular colleulle gusto a gobernar en diferido cuns orzamentos ficticios que comprometerán a capacidade de investimento do futuro goberno, cando o PP perda ás eleccións
O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence manifestou hoxe a oposición radical do BNG aos orzamentos Xerais do Estado, nunha comparecencia ante os medios de comunicación na que asegurou que as contas para o 2016 responden á intención do PP a seguir facendo campaña electoral no que queda de ano.
Acompañado pola deputada no Congreso, Olaia Fernández Davila para valorar os orzamentos, entregados hoxe polo ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, o portavoz nacionalista afirmou que os orzamentos son unha renuncia do Goberno central a utilizar o investimento público como motor de recuperación económica e asegurou que o Goberno colleulle o gusto a gobernar en diferido cuns orzamentos ficticios que se converterán nunha trampa para o novo goberno que saia das urnas nas vindeiras eleccións. O BNG, remarcou , oponse radicalmente a estes orzamentos que apostan pola redución de investimentos e do gasto público para o ano 2016.
O goberno, quere compensar a redución de gasto público para lanzar mensaxes de regalos fiscais a súa clientela política e que atarán de pés e mans ao futuro goberno na súa capacidade de investimento.
Galiza perde 95 millóns de euros para investimentos
Vence dixo que para o ano 2016 Galiza contará con 95 millóns menos e denunciou a redución do gasto social e as condicións impostas ás comunidades Autónomas. Neste sentido, explicou que o Goberno central reservase a maior parte da capacidade de déficit nun 3,2% e obriga ás comunidades autónomas a non superar 0,3%. No caso de Galiza, que asume os gastos sociais, imponlle un corsé que reduce drasticamente o gasto social destinado á cidadanía.
Vence reiterou as súas criticas as políticas do Partido popular do que dixo, posiblemente non gobernará pero deixa o o corsé feito para o futuro goberno.
Os orzamentos apostan por eliminar o sistema público da Seguridade Social
O PP coas súas políticas de bonificacións na Seguridade social para as empresas conseguirá que a recadación sexa deficitaria no ano 2016, as cotizacións menores aumentarán o déficit da Seguridade social e porán en serio perigo o futuro das pensións públicas.
Vence reiterou que Galiza é penalizada con menores investimentos e dobremente castigada polo novo sistema de financiamento autonómico anunciado polo PP sendo as máis beneficiadas, Madrid, Cataluña e Valencia. O PP prolonga no ano 16 a súa política lesiva cuns orzamentos ficticios e electoralistas.
Pola súa parte, a deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila cualificou de ilexítimos os orzamentos do Estado por que hipotecan o futuro goberno que será elixido nas eleccións de novembro. O PP quere aprobar as contas do Estado co rodillo habitual. Ademais resaltou que ningún presuposto defendido por Mariano Rajoy foi executado segundo as previsións iniciais e mesmo algunhas partidas foron incrementadas como aconteceu no Ministerio de Defensa con 4.000 millóns de euros nestes últimos catro anos en gastos militares.
Asemade lembrou que Galiza non recibirá 95 millóns para investimento aos que sumou catro millóns menos para Educación. A deputada recalcou que o investimento en Galiza será 1,7% menor. En Agricultura e Medio Ambiente hai unha redución de 19.521.000 euros e o Ministerio de Fomento tamén reduce a súa contía, engadiu.
Davila asegurou que os orzamentos en Galiza non foron executados, no ano 2014, apenas foi executado o 58% e no 2015 o presuposto relacionado coas obras de alta velocidade no tramo de Lubián-Ourense levan paralizadas durante todo o ano.
Finalmente, a parlamentaria, ao igual que fixera o portavoz nacionalista, reiterou a oposición radical do BNG aos orzamentos Xerais do Estado e acusou ao Goberno de Mariano Rajoy de ser incumpridor con Galiza.