Parlamento Europeo

BNG expresa a súa solidariedade coas vítimas do Vila de Pitanxo e denuncia o retraso na investigación

homenaxe Vila Pitanxo
homenaxe Vila Pitanxo

Ana Miranda: “Non pode ser que tres anos despois do sinistro a Comisión de Investigación de Accidentes Marítimos siga demorando o informe”

Unha delegación do BNG participou hoxe na homenaxe ás vítimas do Vila de Pitanxo, exactamente no día que se cumpren tres anos do naufraxio que provocou o falecemento de 21 membros da tripulación fronte a costa de Terranova. No acto, celebrado en Marín, o BNG expresou a súa solidariedade coas vítimas e denunciou o retraso na investigación da CIAM.

“En representación do BNG queremos estar hoxe coas vitimas do Villa de Pitanxo, queremos declarar a nosa solidariedade que tivemos dende o primeiro momento coas familias e sobre todo queremos reclamar que a investigación non se demore máis”, subliñou a eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, quen participou no acto xunto a senadora nacionalista, Carme da Silva; o deputado Paulo Ríos; a portavoz municipal do BNG de Marín, Lucía Santos; o alcalde de Pontevedra, Miguel F. Lores; o alcalde de Bueu, Félix Juncal; a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos; e a alcaldesa de Cangas, entre outras representantes do Bloque das diferentes localidades do Morrazo.

“Non pode ser que tres anos despois a Comisión de investigación de Accidentes Marítimos siga demorando este informe”, manifestou a eurodeputada galega, quen explicou que hai un informe pericial que “ten que ser a base moi clara do que pasou aquel día tráxico nas augas de Terranova”.

Incremento de investimentos

Ana Miranda, por outra banda, reclamou un aumento de investimentos e máis persoal na Comisión de Accidentes Marítimos. “Estamos por debaixo da media europea”, denunciou.

Neste sentido considerou que hai distintos factores que inflúen na demanda de máis medios: a existencia de accidentes, que a costa galega e unha das costas máis perigosas de toda Europa e que as embarcacións galegas faenan en zonas de alta perigosidade. Tendo estes argumentos defendeu que “hai que dotar de máis medios e ten que haber moita máis seguridade a bordo destas embarcacións para que as tripulacións teñan condicións dignas”.