O BNG esixe a comparecencia de Feijóo e a reformulación do dispositivo contraincendios
- Unha delegación do BNG visitou a zona cero dos incendios na comarca ourensá de Monterrei na que comprobou a falta de medios de extinción e o esquecemento da prevención
Cómpre que o presidente da Xunta compareza no Parlamento e explique como vai reformular o dispositivo contraincendios, subliñou a deputada do BNG, Tereixa Paz, tras o percorrido que realizou, xunto ao resto da delegación do BNG, pola zona máis afectada polos incendios na comarca ourensá de Monterrei.
A delegación do Bloque, integrada tamén pola responsable de Política Municipal da formación, Goretti Sanmartin, e a concelleira do Bloque en Cualedro, Mari Carme Enríquez, puido comprobar neste concello os problemas do dispositivo contraincendios que executa a Xunta. Segundo Tereixa Paz, a falta de medios e que non haxa un dispositivo unificado dificulta enormemente as tarefas de extinción.
A insuficiencia de medios provoca que sexan os veciños e as veciñas os que teñen que loitar contra os incendios para que estes non afecten as súas casas, denunciou a deputada do Bloque. A mostra de que este non é un problema illado que acontece nunha zona concreta é o feito de que igualmente, nesta noite pasada en Oia tivo que ser a propia veciñanza a que loitou para evitar que o lume chegase as súas vivendas.
Inoperatividade do goberno galego
Que os problemas vividas en Cualedro se repitan en Oia, e así en todas as comarcas do país é un exemplo claro da inoperatividade do goberno galego, destaca Tereixa Paz. Ao seu xuízo esta falta de medios debería levar a Feijóo a revisar a súa política contra os incendios xa.
A deputada do BNG lembrou que xa a semana pasada alertara da posibilidade de que aumentara o risco de incendios ao entrar unha ola de calor acompañada de intensos ventos. Por desgracia, o acontecido nas últimas horas dános a razón ás nosas críticas, lamentou Paz.
É unha vergonza que Feijóo viñera onte, cando xa pasara o perigo e o único que se lle ocorreu foi solicitar a axuda dos veciños. Non sabemos se tamén veu a repartir mangueiras, criticou ironicamente Tereixa Paz lembrado a imaxe do actual presidente da Xunta en 2006.