BNG, ERC e Bildu denuncian que o PP nin sequera admita un debate sobre o dereito a decidir
Guillerme ofreceu esta mañá en Bilbao unha rolda de prensa xunto aos deputados de ERC, Alfred Bosch, e EH-Bildu, Rafael Larreina, para expresar o rexeitamento á decisión do PP desta semana de impor a súa maioría absoluta no Congreso para frear a admisión a trámite da iniciativa para o seu debate parlamentar.
O portavoz nacional do BNG salientou que a soberanía dos pobos é hoxe fundamental para poder levar a cabo políticas económicas alternativas ás que nos está a impoñer a Troika, e que condenan ao empobrecemento á maioría da sociedade.
Neste sentido, Guillerme subliñou que para ter soberanía é necesario o dereito a decidir dos pobos, un dereito absolutamente democrático, e ao que non se lle poden poñer portas como fai o PP.
Por iso, a decisión do PP desta semana no Congreso é totalmente antidemocrática e emprazamos a todas as forzas políticas do Congreso a cuestionar esa decisión.