O BNG empeza a traballar coa vista posta nas eleccións Galegas para ser chave na derrota do PP
Reitera que os resultado son malos e responsabiliza a PSOE e Podemos de que a dereita saia reforzada do 26X
Mans abertas ás forzas e persoas que sintan Galiza e aposten por reforzar un proxecto nacionalista para desaloxar a Feijóo da Xunta
A executiva nacional do BNG cualifica de malos os resultados electorais que considera moi insatisfactorios pese ao contexto complicado dos comicios do 26X, convertidos nunha carreira presidencialista cun menú a catro no que Galiza estivo desaparecida pese ao seu esforzo por galeguizar a campaña.
Tras unha campaña digna e con propostas para o país, a dirección do Bloque considera que o proxecto nacionalista é máis necesario ca nunca e é preciso consolidar e conseguir que se amplíe nos próximos meses, ao tempo que lamenta a estratexia seguida por PSOE e Podemos que terminou por reforzar á dereita, un reforzo que o BNG quere combater cunha mudanza de dinámicas, explicou a directora de campaña e membro da executiva nacional, Goretti Sanmartín.
Analizados os resultados, o BNG xa pon a vista nas eleccións autonómicas, nas que empeza a traballar de inmediato co obxectivo de ser clave para derrotar ao PP e desaloxar a Feijóo da Xunta.
Esa é a nosa liña inmediata de traballo coa cabeza posta nas próximas eleccións galegas, que é o que nos ocupa desde este mesmo momento , subliñou. Sanmartín chamou a traballar desde a unidade no proxecto nacionalista que representa o Bloque. A todas as persoas que sintan Galiza e queiran traballar con nós, coas mans abertas para traballar pola derrota desas políticas da dereita.
O Consello nacional deste sábado empeza a prepararse para a cita electoral de outubro definindo as liñas de traballo e propostas para o programa, convencidos de que Galiza precisa unha alternativa nacionalista forte. Sanmartín reiterou que o BNG ten disposición a dialogar absolutamente con todo o mundo que aposte por afianzar un espazo político construído con forzas que teñan o seu centro de decisión en Galiza, como se acordou pola militancia na asemblea nacional.
Tras o 26X a dereita sae reforzada e iso é un elemento de gran preocupación que consideramos debería ser un factor de reflexión para o conxunto das forzas que nos situamos na esquerda e no nacionalismo, indicou a responsable da executiva.
O noso empeño é traballar para as eleccións galegas a partir deste momento para conseguir un cambio real no noso país, e nese camiño estamos dispostos a dialogar con todas as forzas e persoas que queiran consolidar un espazo nacionalista, concluíu.