BNG, EH-BILDU e CUP asinan a Declaración de Bonaval en defensa da soberanía plena dos pobos
No marco simbólico do Panteón de Galegos Ilustres e na véspera do Día da Patria BNG, EH-BILDU e CUP asinaron a Declaración de Bonaval na que se comprometen a traballar conxuntamente para superar o marco que consagra a Constitución española de 1978, avanzar cara procesos constituíntes en Galiza, Euskadi e Catalunya e na defensa da soberanía plena das tres nacións.
Esta declaración é a expresión dunha vontade política partillada para traballar xuntos na construción dun escenario de liberdade para os nosos respectivos pobos, explicou o portavoz nacional, Xavier Vence, ao ritmo que marque a vontade popular de cada nación, ante a crise dun sistema institucional que xira sobre a Constitución do 78 á que se suma a crise non menos profunda do modelo económico e social que arrasa os dereitos das nosas clases populares.
Neste contexto, o BNG considera que é o momento de dar un paso adiante co convencemento de que compartir obxectivos permite ser máis fortes e conseguir avances máis importantes nas nosas respectivas loitas en defensa da soberanía dos nosos pobos, alegou Vence.
Afondar na colaboración entre forzas nacionalistas axudará a dar o finiquito a este modelo constitucional esgotado que nos oprime como pobos e abrir procesos democráticos para acadar a soberanía das nosas nacións, cada un percorrendo o seu propio camiño pero conscientes que, desde a colaboración, ese camiño será máis rápido, subliñou o dirixente do Bloque.
Loita nacional e social, indisolubles
Vence manifestou que a Declaración de Bonaval está aberta as formación políticas nacionalistas e independentistas de Galiza, Euskadi e Catalunya para que se sumen a esa vontade expresa de construír un futuro soberano para cada un dos nosos pobos, declarou.
Pola súa parte, Roger Castellanos, membro do Consello Nacional da CUP, puxo o acento en rachar coa falsa dicotomía entre a loita nacional e a loita social, porque ambas son indisociables, e convidou a facer ouvidos xordos aos cantos de serea que falan da enésima reforma dun estado español irreformable. É o momento da ruptura deste marco de opresión nacional e social, asegurou Castellanos.
A secretaria de Política Internacional, Maite Uribía, falou de cortar as cadeas da Constitución do 78, e igualmente subliñou que pasar a páxina do actual modelo institucional é tamén mudar o actual sistema socioeconómico que está ao servizo das elites para poñelo ao servizo do benestar e da dignidade da cidadanía. Asinamos esta declaración porque defendemos a soberanía plena dos pobos, concluíu.
Coa Declaración de Bonaval, as forzas asinantes se comprometen a estreitar as relacións entre os pobos das tres nacións, establecer sinerxías para avanzar no obxectivo común de ruptura co modelo de estado consagrado na Constitución e a posta en marcha de procesos constituíntes en Galiza, Euskadi e Catalunya. Igualmente, asumen apoiarse para avanzar no camiño da plena soberanía e na defensa dos pobos a decidir o seu futuro.
Día da Patria
O portavoz nacional pechou o acto cunha referencia ao Día da Patria como unha gran celebración de todo o nacionalismo unido nas rúas de Compostela que será un salto adiante cualitativo no avance cara o recoñecemento da nosa vontade soberanista e dos dereitos nacionais. Estou seguro que esta declaración internacionalista de Bonaval e a manifestación unitaria serán un chanzo no camiño a pechar o modelo actual e abrir procesos constituíntes nas tres nacións, concluíu Vence.