"O BNG demostrou que está coa clase traballadora, agora precisamos o voso apoio"

“Canta máis forza teña o BNG no próximo goberno da Xunta, máis forza terán os traballadores e traballadoras de Galiza para que o goberno galego defenda os seus dereitos”. Esta foi a idea que trasladou o BNG a un grupo de traballadores e traballadores nun acto celebrado esta mañá na Coruña.

Por parte do BNG interviron Suso Bermello, sindicalista da CIG e suplente na candidatura do BNG pola Coruña; Ana Luisa Bouza, candidata número 3, e Guillerme Vázquez, portavoz nacional do BNG.

Ana Luisa Bouza: “O BNG demostrou que está coa clase traballadora, agora precisamos o voso apoio”

Na súa intervención, Ana Luisa Bouza subliñou que “o BNG está coa clase traballadora: estivemos nas folgas, nas manifestacións, contestando á patronal nos ERES, reclamando ao Goberno que defendese os traballadores”.

“Agora -asegurou- pedimos o voso apoio porque a única forma de facerlles fronte é que o BNG tena unha posición de forza no próximo goberno galego, para que o goberno da Xunta defensa á clase traballadora”.

Ana Luisa Bouza cualificou á cabeza de lista do PP pola Coruña, Beatriz Mato como “a conselleira do paro”.

Lembrou que “estes foron 3 anos e medio de abandono dos traballadores e traballadoras por parte do goberno do PP na Xunta” e salientou que “o 21 de outubro está na vosa man que isto mude”.

Propostas: Que a Administración non contrate con empresas que precarizan as condicións de traballo

Como propostas do BNG en materia de emprego, Ana Luisa Bouza salientou que “queremos poñer o país a producir para crear empregos dignos”. Tamén defendeu a creación de emprego público e que a Xunta asuma un papel de defensa da industria galega. “Non podemos permitir que se sigan destruíndo empregos no sector industrial, porque son empregos de moita calidade”, subliñou

A candidata do BNG tamén defendeu “un goberno que faga forza para derrogar as reformas laborais de 2010 e 2012”. “E tamén -engadiu- para que as condicións de traballo, a través dos contratos públicos e da inspección de traballo, sexan dignas”.

Para iso, avogou por “non destinar nin contratar con cartos públicos a empresas que precarizan as condicións de traballo”.

Guillerme Vázquez: “A única forma de derrotar a Feijóo é concentrar o voto nacionalista e de esquerdas no BNG”

Pola súa parte, o portavoz nacional do BNG subliñou que “somos máis os que queremos un cambio en Galiza que os que queren que continúe Feijóo”.

Neste sentido, advertiu de que “Feijóo só pode gañar porque non van votar os que queren un cambio ou porque división de voto dos que levan a Galiza e o corazón na esquerda”.

Por iso, subliñou que “a única garantía de que Feijóo abandone Monte Pío é o ascenso do BNG”.

 

http://youtu.be/NicjPp2Sdbs