O BNG cualifica de "burla" o acordo da UE sobre cotas pesqueiras e insta á Xunta a retiralo
Montse Prado lamenta que a conselleira Rosa Quintana non estea á altura E cualifique de grande éxito negociador unhas medidas que van traer novas consecuencias devastadoras para o sector
Prado considera que é unha burla para o sector que ante un acordo que non mellora ningunha das xa rídiculas cotas dalgunhas especies e recorta outras a conselleira Rosa Quintana fale de grande éxito negociador por parte do ministro Arias Cañete.
Non se pode aplaudir coas orellas e cualificar de éxito un acordo que consolida as medidas que xa se adoptaron en 2012 e 2011, medidas que dan por boas cotas absolutamente ridículas, períodos de inactividade da frota ou que se teña que tirar boa parte das capturas de volta ao mar.
Sen previsións para a xarda
A deputada nacionalista considerou insultante o 25 por cento de cota para a rabada, o 12 por cento para a raia ou o 9 por cento para o ollomol e que aínda non se saiba nada das previsións de captura de lirio e xarda, pendentes de negociación con outros estados e que levan sen poder pescar dende primavera, con multas aínda pendentes.
A verificación destes recortes provocará en Galiza un impacto devastador engadiu- coa desaparición de buques e milleiros de postos de traballo directos no mar e inducidos en terra. As frotas galegas do Gran Sol, arrastre litoral, cerco e baixura ven ameazada a súa viabilidade por unha decisión política, non fundamentada en estudos científicos nin no estado real os recursos pesqueiros.
Neste sentido, Prado retou á conselleira e ao ministro a que ensinen eses informes que din que non se poden incrementar as capturas, están a mentirnos de novo, asegurou.
Protesta formal
Para a parlamentar, nin o goberno da Xunta nin o do Estado nin a UE teñen dereito a tratar así á frota galega porque existen resortes e instrumentos para evitar a súa morte paulatina, por iso pediu que alén de rexeitar o acordo, a Xunta presente unha protesta formal perante o goberno español polo seu voto favorábel ao acordo na UE.
Reto á conselleira e ao ministro a que ensinen os informes científicos que aseguran que non se poden incrementar as capturas
Asemade, a través da proposición non de lei rexistrada, pide que non se aplique nas augas interiores de Galiza e, daquela, sobre a frota de baixura, a politica de cotas aprobada e que se presente recurso ante o Tribunal de Xustiza da UE polo trato inxusto e discriminatorio que se está a dar a Galiza.
Finalmente, a deputada do BNG considera que tamén hai que exixir que o goberno español derogue o denominado Plano de Recuperación da Pescada en augas galegas, por considerar plena e absolutamente recuperada a especie.