O BNG compromete concellos ao servizo da transformación de GZ e aliados na supervivencia do rural

Responsables municipais do BNG "acompañados" de Castelao

O BNG celebrou unha xornada municipal na que participou unha ampla representación dos 469 concelleiros e concelleiras nacionalistas saídos das urnas o 24M, incluíndo alcaldes e alcaldesas e responsables dos 45 executivos locais nos que o Bloque goberna ou cogoberna.

O portavoz nacional, Xavier Vence, resumía a folla de ruta para esta lexislatura municipal que para o Bloque ten como obxectivo “pór en marcha unha nova etapa no país” na que os gobernos locais nacionalistas “sexan a punta de lanza da transformación de Galiza” con especial atención ao medio rural e as sectores produtivos.

“O rural galego sofre un proceso imparable de despoboamento”, subliña Vence, quen avanzou que os gobernos locais que lidera ou nos que participa o BNG serán vangarda, “un berro en defensa do mundo rural que é, en definitiva, a defensa da continuidade de Galiza como nación”.

Neste sentido, o Bloque adquire o compromiso de traballar para converter as administracións locais, -concellos pero tamén as deputacións- en aliadas do que permite darlle futuro ao rural: o sector primario. “Que os produtores leiteiros teñan ao seu carón unhas institucións que os defendan ante o poder omnímodo da industria, que defendan ao sector produtivo e que podan esixirlle á Xunta un cambio nas políticas para evitar a morte do rural”, explicou Vence.

Tras escoitar aos alcaldes e alcaldesas e responsables municipais de concellos rurais, -como Boimorto, Santiso, San Sadurniño, A Rúa, entre outros, e mesmo das cidades e vilas medias onde o medio rural ten un papel relevante-, o dirixente nacionalista alerta sobre o feito de que “miles de explotacións agrarias están ao borde da desaparición porque están producindo a perdas, asfixiadas”.

“É hora de que Feijóo dea un golpe na mesa para defender ao sector ante Madrid e comprometémonos desde os concellos a facer todo o posible en defensa do rural”, concluíu.

Deputacións

Á preguntas dos medios, Vence salientou que a actual situación da Deputación de Lugo obedece “á responsabilidade persoal de quen antepón os seus intereses e ambicións fronte ao interese xeral da provincia de Lugo” e, sen entrar a valoralos, confía na capacidade do Partido Socialista para “resolver os seus problemas internos, reconducir a situación e dar ao ente provincial un goberno progresista alternativo ao PP “máis cedo que tarde”.

Igualmente, confirmou que ambas formacións retomarán as negociacións a vindeira semana co obxectivo de acordar un programa que defina o modelo desas institucións para o futuro e, nun segundo paso, a conformación do organigrama. No caso da provincia da Coruña, subliña Vence que tamén hai outras forzas políticas que deben implicarse na definición do modelo e na conformación do goberno da institución provincial, que son Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños.