BNG e CIG colocan en primeiro plano a creación de emprego
O BNG amosa o seu apoio á Iniciativa Lexislativa Popular rexistrada pola CIG na Cámara galega con 100 medidas para reactivar a economía e crear emprego
Unha representación da Confederación Intersindical Galega (CIG), encabezada polo secretario xeral, Suso Seixo e os deputad@s, Francisco Jorquera, Carme Adán, Cosme Pombo e Daniel Rodas mantiveron hoxe un encontro para abordar as 100 medidas destinadas a reactivar a economía e a xeración de emprego recollidas na Iniciativa Lexislativa Popular rexistrada polo sindicato nacionalista na Cámara galega.
Na comparecencia ante os medios de comunicación, o portavoz do grupo parlamentario nacionalista, Francisco Jorquera manifestou o apoio á ILP, a diagnose da CIG sobre a situación económica de Galiza e as medidas contra a coartada utilizada pola dereita para impoñer unha sociedade dunha minoría rica e outra empobrecida.
En Galiza, engadiu, estamos condenad@s a vivir por debaixo das nosas posibilidades a pesar das nosas grandes potencialidades para crear riqueza por mor da dependencia , unha dependencia, explicou, que fai que Galiza estea nun proceso de destrución e ruína económica.
Fronte isto, dixo, é preciso que Galiza conte cun goberno que exerza as competencias e loite contra a continúa invasión competencial do Estado español e a Unión Europea.
Jorquera denunciou que en Galiza xa existe un maior número de persoas ocupadas fronte as desocupadas polo que reiterou que resulta imprescindible aplicar medidas contra o desemprego a través de investimento público que reactive a economía cunha banca pública galega e apostar por outro modelo de crecemento, en vez de seguir recortando salarios.
O portavoz do g.p do BNG avanzou que trasladará ao Debate do Estado da Nación as alternativas presentadas hoxe pola CIG e denunciou o amordazamento do Parlamento tras a decisión do Partido popular, apoiada por AGE, de reducir o número de propostas de resolución. A consecuencia deste corsé é que limitara a presentación a 50 propostas cando só en materia de emprego a CIG propón 100 medidas.
100 medidas para crear emprego
Pola súa parte, o secretario xeral da CIG afirmou que xunto á falta de soberanía de Galiza o emprego é un dos principais problemas, e lembrou que detrás do desemprego está a emigración e a situación de miles de desempregados/as que xa non cobran ningunha prestación, o debilitamento da clase traballadora e un empobrecemento da sociedade.
Seixo avogou por colocar en primeiro plano do debate social a falta de emprego e analizar porque sendo Galiza un país rico en materias primas e nos sectores pesqueiro, leiteiro ou de enerxías renovables está condenada permanentemente a unha situación de desemprego estrutural.
Para o secretario xeral da CIG, isto obedece ao papel de Galiza no Estado e Europa ante o que é preciso, asegurou, presentar alternativas para mudar as políticas de recortes.
Seixo afirmou que o paquete de medidas da ILP son posibles no camiño para saír da crise e nese sentido pediu a colaboración da Mesa do Parlamento para admitir a Iniciativa Lexislativa Popular á trámite.
Finalmente, o portavoz do sindicato nacionalista considerou que debe ser a Cámara galega o lugar para debater a ILP e amosou o seu convencemento en que será apoiada polo resto dos grupos parlamentarios cos que anunciou manterá encontros nos vindeiros días.