O BNG chama a unha fronte común contra a proposta involucionista do PP de recorte do Parlamento
O BNG insta a todas as forzas políticas a conformar unha fronte común á contrarreforma involucionista do PP de recorte do Parlamento que, en palabras do portavoz nacional, Xavier Vence, é recortar a capacidade dos galegos e das galegas para elixir aos seus representantes, recortar o autogoberno de Galiza e, en definitiva, supón recortar a calidade da nosa democracia.
Lanzamos un chamamento a todas as demais forzas políticas para facer unha fronte común co obxectivo de parar esta involución antidemocrática do PP e, como primeiro paso, ofrecemos o diálogo sobre a nosa Proposición de Lei de reforma da Lei electoral que mantén o tamaño do Parlamento e que ten como obxectivo que o voto da cidadanía teña o reflexo máis fidedigno posible na Cámara, explicou Vence.
O BNG articula a súa alternativa ao PP baixo a premisa innegociable dunha Cámara de 75 deputados e deputadas porque o contrario sería renunciar a un Parlamento capaz de facer un labor lexislativo e de control do Goberno de calidade, sería limitar aínda máis a pluralidade política da Cámara e sería limitar o autogoberno de Galiza dentro desa estratexia do PP de recentralizar competencias.
Non sobra Parlamento, sobra a vocación centralista de Feijóo, criticou Vence, quen argumentou que o xefe do Executivo quere impor un Parlamento pequeno á medida da súa talla política propia dun presidente que non quere exercer as competencias nin o autogoberno do noso país. Para quen non ten iniciativa nin estima por Galiza, non é que o Parlamento lle resulte grande, directamente lle sobra, alegou.
Alternativa do BNG
A alternativa presentada polo BNG se articula en tres grandes eixos: o citado chamamento a unha fronte común de todas as forzas políticas en defensa do autogoberno e das institucións do País, a reforma da Lei Electoral e unha batería de medidas de aforro real.
En relación á reforma da Lei Electoral, o portavoz parlamentar, Francisco Jorquera, adiantou que o Bloque activará a Proposición de Lei xa rexistrada en maio de 2013 para poder contrastar na Cámara os dous modelos, de tal xeito que o BNG solicitará a súa inclusión para debate en Pleno no mesmo momento en que o PP pretenda discutir a súa contrarreforma.
Permitirá decidir entre a súa proposta de recortar democracia e autogoberno e a do BNG, que vai na dirección contraria, explicou Jorquera, tras lamentar que o presidente galego se limite a ser un seguidor da doutrina de Cospedal, en referencia a secretaria xeral do PP e presidenta de Castela-La Mancha.
A reforma presentada pola formación nacionalista busca mudar un sistema electoral para que a diferencia entre o que vota a cidadanía e a composición da Cámara sexa mínima, é evitar que unha forza que ten o 44% do voto, controle o 55% do Parlamento, explica Vence.
Neste sentido, a reforma da Lei electoral do BNG inclúe 4 medidas: suprimir o limiar mínimo do 5% para a obtención de escanos en aras dun maior pluralismo político, -tendo en conta que, nos últimos comicios autonómicos máis do 7% dos votos emitidos polos galegos e galegas quedaron sen representación na Cámara-.
En segundo lugar, superar o mínimo de representantes por provincia que se complementa coa terceira medidas de establecer un sistema proporcional directo para a asignación de escanos, en substitución da Lei D`Hont, que permitiría reducir o enorme desequilibrio no peso do voto entre provincias, dando paso a un sistema no que cada deputad@ representa o mesmo número de votos, con independencia da provincia pola que fose electo.
E, en cuarto lugar, garantir por lei os debates electorais entre partidos e candidat@s nos medios públicos.
Medidas de aforro real
Finalmente, a proposta do Bloque tamén recolle unha seria de medidas para acadar un aforro real fronte a propaganda do PP, xa que suprimir 14 escanos supón menos do que cobra ao mes un directivo da banca ou dunha gran empresa como Alierta, Brufau ou Florentino, indica Vence.
En concreto: Supresión dos 46 asesores nomeados a dedo por Feijóo, o que aforraría seis veces máis que recortar escanos. Igualmente, suprimir as deputacións provinciais cun gasto de persoal de 131 millóns de euros anuais, cuxos 108 deputad@s provinciais non son elixidos por ninguén, supresión da administración periférica do Estado, -delegación do Goberno e ministeriais-, cun custe anual de 40.5 millóns de euros.
E, por suposto, tamén recorte nos gastos de funcionamento do Parlamento, que sen deixar fora o debate sobre o propio salario dos parlamentarios, inclúa á Mesa da Cámara e o salario que corresponde á Presidencia.
Tras presentar a súa alternativa, nunha comparecencia coa presenza de Vence, Jorquera e as viceportavoces parlamentares, Ana Pontón e Carme Adán, o BNG iniciará agora os contactos coas outras forzas políticas para acadar unha proposta conxunta de consenso.
Texto da proposta do BNG para a reforma da Lei Electoral: Prop lei reforma lei eleccións Parlamento Gz.