BNG-Asembleas Abertas, denominación para concorrer ás municipais e sumar "cidadanía rebelde"

O portavoz nacional, Xavier Vence, explicou que o Consello Nacional aprobou a estratexia política do BNG de cara ás eleccións municipais que ten como elemento chave a continuidade do proceso de Asembleas Abertas iniciado en setembro, que agora entra “nunha segunda fase”, como mostra inequívoca da aposta por sumar a toda a “cidadanía rebelde” que quere construír un proxecto de país desde os concellos.

Dentro da folla de ruta para os comicios locais, o Consello Nacional aprobou elaborar programa e candidaturas a partir das propostas que formulen as asembleas abertas e concorrer á cita de maio de 2015 baixo a denominación BNG-Asembleas Abertas, un cambio que, subliñou Vence, non ten precedentes desde a constitución da formación en 1982 e que simboliza a vontade “de sumar” para derrotar ao PP.

“Imos abrir as candidaturas á participación desa cidadanía que quere mudar as cousas, sexa ou non sexa nacionalista. Por iso o BNG se presenta ás eleccións como BNG-Asembleas Abertas para simbolizar a incorporación de toda esa cidadanía activa e rebelde que quere participar ao lado dun proxecto nacionalista e construír un país con futuro desde concellos participativos, plenamente democráticos e de xestión honesta ao servizo da maioría social”.

Grupos de traballo

A segunda fase de asembleas abertas se configura en base a grupos de traballo para elaborar programa e a candidatura de cada concello. Vence avanzou unha renovación “moi substantiva” nas listas en particular dixo, “pola vía de incorporar a esas persoas non militantes que se achegan a participar nas asembleas abertas”.

Igualmente, o BNG se fixa como obxectivo desta segunda fase de asembleas abertas “socializar a experiencia e a xestión dos nosos gobernos municipais, mostrar que hai outra forma de gobernar con honestidade, transparencia, participación, centrada nas necesidades da veciñanza e na defensa dos máis débiles fronte aos recortes do PP”, explicou o portavoz nacional.

Neste sentido, Vence salientou que BNG-Asembleas Abertas concorrerá “coa vontade de conquistar o maior número de concellos posibles” derrotando ao PP “para construír un país con futuro desde abaixo, desde os municipios porque son a administración máis próxima”.

Calendario

O Consello Nacional tamén fixou o 29 de novembro como a data na que prevé aprobar o primeiro tramo da candidatura nas grandes cidades e vilas do país, tras recibir as propostas das asembleas abertas.

“Estou seguro que vai haber unha presenza moi significativa de persoas que, afiliadas ou non, queren compartir con BNG un proxecto para os concellos con idea de país, non como localidades illadas, senón como pezas para articular o país”, concluíu.

O BNG da así un paso cualitativo no proceso de Asembleas Abertas iniciado en setembro co obxectivo de ampliar a base social do nacionalismo e sumar cidadanía para enfrontar ao PP nos comicios municipais de maio. O Consello Nacional aprobou hoxe elaborar o programa e as candidaturas a partir das propostas que saían das asembleas abertas e concorrer ás eleccións de maio coa denominación BNG-Asembleas Abertas.

O Bloque quere así enviar unha mensaxe inequívoca da súa aposta por integrar a toda a cidadanía rebelde, -sen pedir carné a ninguén-, que quere participar directamente na política dos seus concellos, que aposta por un proxecto nacionalista e transformador para o conxunto de Galiza e ve no BNG a ferramenta política máis acaida para implantalo, e que ve nos comicios municipais a primeira oportunidade para derrotar aos partidos políticos que sosteñen un réxime corrupto, que empobrece á maioría social e nega o dereito dos pobos a decidir o seu futuro.

154 asembleas abertas por todo o país cunha participación próxima ás 6.000 persoas, das que case o 60% non era militante nacionalista, permitiu ao Bloque pulsar desde a base o sentir dunha cidadanía activa, rebelde que, -sen obviar as críticas ao propio traballo do BNG-, aposta por un “proxecto en clave nacional” que inclúa a rexeneración das institucións, a loita contra a corrupción e concellos con proxectos de creación de riqueza desde a solidariedade cos maltratados pola crise.

Con esa experiencia, o BNG promove agora unha segunda fase de asembleas abertas con grupos de traballo concretos que se desenvolverán durante un mes, no que os participantes no proceso Construíndo futuro, militantes ou non militantes, poden presentar propostas e nomes de cara a elaboración do programa e das candidaturas.