BNG aproba promover unha candidatura galega na que traballar mancomunadamente ca cidadanía e forzas politicas
Aposta por abrir unha nova etapa nas deputacións que empece por destapar a herdanza deixada polos gobernos do PP
Confía na responsabilidade do PSOE para presentar un candidat@ á Presidencia da Deputación de Lugo que poda ser apoiado polo Bloque
É unha proposta dirixida á cidadanía e as demais forzas políticas para traballar macomunadamente na dirección de elaborar unha candidatura nacional galega de amplo espectro que poda recoller o sentir de toda esa cidadanía que quere que Galiza teña unha voz autónoma e soberana no Congreso cun grupo parlamentario propio en defensa dos intereses inmediatos e estratéxico de Galiza como nación, explicou Vence.
Esa candidatura, con entidade xurídica, permitiría ter Grupo parlamentario propio no Congreso, apostar pola soberanía de Galiza e o pleno desenvolvemento da nosa identidade nacional, lingüística e cultural. Igualmente, tería como elementos básicos a defensa dunha sociedade avanzada que aposta pola igualdade de dereitos entre homes e mulleres, unha economía ao servizo do pobo, que contribúa a desenvolver os nosos sectores produtivos e o dereito de Galiza a producir.
Tamén, a defensa do dereito á vivenda e dos servizos públicos, así como dunha política social que contribúa a minorar as crecentes desigualdades sociais e unha aposta por unha democracia de calidade, promovendo mecanismos de control democrático e de participación social da cidadanía.
45 gobernos municipais
Igualmente, o CN referendou os acordos de goberno municipais que permiten ao BNG ter responsabilidades nos executivos locais de 45 concellos, en 30 presidindo a Alcaldía e no resto formando parte de gobernos de coalición. E aprobou igualmente o acordo programático para negociar con todas as forzas políticas alternativas ao PP, -PSOE, Compostela Aberta, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños-, cal debe ser o modelo futuro das deputacións.
Neste sentido, o Bloque considera que chegou o momento de abrir unha nova etapa nestas institucións, no camiño cara a súa desaparición, que analice a herdanza recibida.
Democratizar o seu funcionamento e introducir transparencia, subliñou o portavoz nacional, Xavier Vence, tras avanzar que un dos obxectivos fundamentais dos futuros gobernos debe ser velar pola limpeza da xestión feita no pasado e levantar todos aqueles casos de mal uso de recursos e de eventual corrupción que se podan detectar na herdanza do PP.
Vence reiterou que nesa nova etapa política, os entes provinciais nos que é posible unha alternativa ao PP deben experimentar un cambio profundo adelgazando a súa estrutura e funcións coa transferencia de competencias e de recursos aos Concellos e a Xunta. Un aspecto que se recolle no acordo programático que o Bloque somete á consideración e a negociación das outras forzas políticas.
Os cambios deben afectar tamén á xestión dos recursos destas institucións, -arredor de 460 millóns de euros anuais-, eliminando calquera práctica caciquil e partidista no uso dos orzamentos e, nese sentido, o Bloque aposta pola redución do presidencialismo para que as decisións importantes se adopten no consello de goberno e nos plenos da deputación
Unha vez logrado un acordo programático se daría paso á conformación dos órganos de goberno, onde a formación nacionalista quere ter unha visualización clara das responsabilidades do Bloque nestas deputacións. É un segundo paso, pero tamén importante, subliñou Vence.
Responsabilidades en Lugo
Preguntado polos medios sobre o candidato socialista a presidir a Deputación de Lugo, salientou que a formación nacionalista confía na responsabilidade do Partido Socialista para que ofreza un candidat@ que poda ser apoiado e votado polo Bloque, previamente a un acordo a todas as demais cuestións programáticas.
Non se pode propoñer a un candidato que está imputado, -reiterou Vence-, e confiamos na responsabilidade do PSOE para que formule unha alternativa que podamos apoiar e ter un goberno alternativo ao PP na Deputación de Lugo.
Pacto de costas ao Parlamento
Vence tamén foi moi crítico coas negociacións as agochadas do PP e do PSOE para repartirse cargos nas institucións cuxa renovación depende do Parlamento.
Unha negociación de costas ao Parlamento onde os demais grupos non tivemos a oportunidade de formular propostas para a renovación dos cargos das institución que deben ser renovadas pola Cámara galega, -Consello de Contas, Valedor do Pobo, Consello Consultivo-.
Preguntado polo feito de que as desavinzas freen a marcha do secretario xeral do PSdeG ao Senado, Vence indicou que ambos partidos guisaron e comeron ese acordo e ambos saberán cales son as liñas vermellas que teñen establecido entre si, pero desde o Bloque consideramos que non é de recibo que negocien as costas do Parlamento cando todos os grupos parlamentarios teñen a obriga e o dereito de participar no debate da renovación deses órganos institucionais.