BNG aposta pola confluencia de plataformas e forzas políticas por unha candidatura galega de unidade

O Consello Nacional do BNG, primeiro no novo curso político, aprobou a súa proposta política para as eleccións xerais que ten como eixo “promover un amplo proceso social coa finalidade de articular unha candidatura nacional galega de unidade” e, nese sentido, aposta por apoiar “todos os procesos de confluencia que promoven diferentes plataformas e iniciativas”.

“Desde o BNG imos contribuír a que sexa o máis ampla e o máis profunda posible esa integración e esa confluencia de diferentes iniciativas, plataformas e forzas políticas”, explicou o portavoz nacional, Xavier Vence, tras subliñar o traballo feito polo Bloque nesa dirección ao longo das últimas semanas, con contactos con forzas políticas e plataformas cidadáns

Vence fixo referencia á importancia da data do 12 de setembro como punto de encontro en réxime de autoconvocatoria das diferentes plataformas, das forzas políticas e do conxunto da cidadanía que queira participar para debater sobre a proposta de candidatura galega de unidade para o Congreso.

Amais de “animar” á confluencia da unidade electoral en clave de país, o BNG iniciará unha campaña de “socialización” da súa aposta pola candidatura galega de unidade que promove desde fai meses, -mesmo renunciando as súas siglas-, que se debaterá en asembleas abertas por todas as comarcas coa participación da militancia e de todas as persoas sen adscrición partidaria que queiran sumarse ao debate.

Esta iniciativa se complementa cunha campaña informativa sobre as vantaxes para Galiza de ter unha “representación potente en Madrid”, -como a que daría un grupo parlamentario propio-, “en base á experiencia do traballo do BNG no Congreso nos últimos vinte anos”, indica Vence, “e explicar os grandes retos que ten o noso país na súa relación co Estado”.

“Trátase de clarificar e compartir coa cidadanía porqué é crucial que o país teña unha gran representación para defender os nosos intereses, un modelo social e económico que nos permita saír da crise, defender os nosos sectores produtivos para xerar emprego e frear a sangría migratoria como consecuencia das políticas nefastas que aplica o PP”, argumenta o dirixente nacionalista.

Por iso, o Bloque desenvolverá unha campaña política “de difusión e de concienciación da necesidade de ter unha alternativa potente e unitaria galega para ter unha gran representación en Madrid e ese será un dos eixos da actividade do BNG de aquí á campaña das elección xerais”, insistíu.

Prazos

A formación nacionalista considera que na terceira semana de setembro debe estar “clarificado o panorama” para saber cales son as alternativas, as plataformas e as forzas políticas que conflúen nesa grande candidatura galega para o Congreso. “Ten que ser unha candidatura para derrotar os proxectos neoliberais e centralizadores que representa a dereita española”, sintetizou.

Unha candidatura, recalcou, “para defender os intereses deste país, para defender unha reforma constitucional que recoñeza os dereitos nacionais de Galiza, e para defender unha transformación a fondo das políticas económicas e sociais de recortes impostas polo PP”.