O BNG apoia a Grecia pero rexeita o rescate imposto pola U.E baseado en políticas antisociais

 A deputada do BNG, Olaia Fernández Davila lembra que as condicións do acordo inciden nas mesmas “políticas fracasadas” que levaron a Grecia á actual situación

Na sesión plenaria celebrada hoxe no Congreso dos deputados para aprobar o terceiro paquete de axudas a Grecia, a deputada do BNG, Olaia Fernández Davila anunciou o voto en contra do acordo por representar un modelo europeo “contrario ao que defende o BNG”.

A parlamentaria manifestou o seu apoio á cidadanía grega e defendeu, que ao igual que a cidadanía de cada un dos pobos de Europa, Grecia ten dereito a decidir o seu futuro “sen inxerencias, presión ou imposicións de medidas” que en troques de axudar a poboación, priorizan os intereses da economía especulativa e propoñen políticas de austeridade.

Tras a intervención do ministro de Economía, Luís de Guindos, que defendeu aprobar o terceiro paquete de axudas a Grecia, a deputada nacionalista anunciou o voto en contra dun acordo que cualificou de “humillante para todos os greg@s” e que representa un modelo de capitalismo “voraz e insaciable na súa loita por eliminar os logros alcanzados con tanto esforzo e sufrimento”.

O Goberno grego obrigado a asinar un acordo que provocará máis sacrificios e sufrimento ás clases populares

A deputada explicou que as condicións nas que se produciu o acordo resultaron todo un exemplo de “prepotencia” e imposición dos gobernos que ditan as políticas da U.E. Neste sentido, lembrou que non faltaron as ameazas para obrigar ao Goberno Heleno a aceptar “a chantaxe” de un bloqueo financeiro extremo.

A deputada recalcou que o Goberno grego “non foi libre” á hora de asinar este paquete de medidas que representan unha humillación ao pobo grego, supón a supresión da súa soberanía e deixa na práctica a Grecia baixo un protectorado de Alemaña e a U.E.

Un acordo baseado en “políticas fracasadas”

Para a deputada, as condicións do acordo inciden nas mesmas “políticas fracasadas” que levaron a Grecia á situación que propicia este terceiro rescate. Vostedes, dixo, néganse a perdoar de maneira parcial a debeda e tamén rexeitan a súa reestruturación para que Grecia profunde no seu endebedamento, “as exixencias establecidas suporán máis sacrificio e sufrimento ás clases populares e traballadoras”.

A parlamentaria xustificou o desacordo do BNG co terceiro rescate porque representa “un austericidio” e manifestou a súa preocupación de que o Goberno De Mariano Rajoy “asuma as esixencias de máis reformas laborais , subidas de impostos directos e recortes sociais como indica o FMI”.

Non a unha a Europa que enriquece a unha minoría cos sacrificios e sufrimentos da maioría

Votar NON, dixo, a nacionalista, é votar NON a unha Europa empeñada en sobreenriquecer a unha minoría sometendo á maoiría á pobreza. Unha Europa, reiterou, empeñada en garantir que o capital especulativo non rebaixe os seus beneficios aínda que isto supoña conducir ao capital produtivo a unha crise brutal.

Si que é posible outra Europa, remarcou, pero unha Europa social e dos pobos cuxo obxectivo primordial sexa o Benestar das súas xentes, concluíu.

Por outra parte, o BNG, Amaiur,ERC e  Compromís, subscribiron unha resolución contra as medidas que destinadas a incrementar a desigualdade entre a poboación grega e que inciden nos recortes sociais e socavan a cohesión social en Grecia e no conxunto da Unión europea.

TEXTO DA RESOLUCIÓN: 

Manifesta o seu apoio á cidadanía grega e defende que, ao igual que a cidadanía de cada un dos Pobos de Europa, Grecia ten dereito a decidir o seu propio futuro sen inxerencias, presións ou imposicións externas que atenten contra a súa soberanía, á vez que expresa o rotundo rexeitamento á imposición de medidas que, en vez de axudar á poboación, poñen por enriba das persoas os intereses da economía especulativa promovendo e impoñendo políticas de austeridade que, dando as costas ao obxectivo dunha Europa Social, dificultan un crecemento socialmente sustentábel, incrementan a desigualdade, recortan dereitos sociais e atentan contra o Estado do Benestar socavando a cohesión social en Grecia e no conxunto da Unión Europea.