O BNG apela á unidade do Nacionalismo na Homenaxe de Bóveda
O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence reivindica o espírito construtivo de Bóveda para traballar pola unidade de todo o nacionalismo e todos os que estean dispostos a defender Galiza para acadar un grupo parlamentario galego e soberano no Congreso dos deputados
Na Homenaxe á memoria de Alexandre Bóveda no Día da Galiza Mártir celebrado hoxe no concello de Poio, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence recalcou que a Galiza da dignidade rende homenaxe a Galiza Mártir e á memoria da nosa nación, hoxe lembramos a Bóveda e a os cinco mil demócratas galeguistas e republicanos que morreron asasinados polo exercito de Franco e tamén aos miles e miles que sufriron torturas e persecucións da man desa dereita cruel e antigalega.
O BNG apela ao espíritu constructivo de Bóveda para traballar pola unidade do nacionalismo galego
Na súa intervención, o portavoz nacional reivindicou o espírito construtivo de Bóveda para traballar pola unidade de todo o nacionalismo e todos os que estean dispostos a defender Galiza co fin de acadar un grupo parlamentario galego e soberano no Congreso dos deputados.
Para o portavoz nacionalista, as aspiracións políticas de Bóveda seguen en pleno vigor coa necesaria defensa de Galiza como nación e a loita polo autogoberno que neste momento é atacado de xeito sistemático polo Goberno central do PP coa complicidade indigna de Feijoo o que constitúe, afirmou, un auténtico golpe institucional contra as nosas conquistas de autogoberno e conquistas sociais.
Máis que nunca, dixo, a obra e vida de Bóveda é un exemplo e o facho para os que queremos unha Galiza de seu e confiamos nas nosas forzas. Bóveda foi un exemplo de unir o nacionalismo e esa é a nosa tarefa hoxe.
Feijóo submiso ás directrices marcadas polo Goberno central
A laminación continua de competencias autonómicas que limitan as nosas políticas sociais e sectoriais, explicou, vénse agora agravadas coa limitación da acción exterior de Galiza plasmada de maneira servil polo Sr.Feijoo a través dun decreto de submisión ás directrices do Goberno central polo que reiterou que Galiza precisa un grupo parlamentario galego e soberano no Congreso dos deputados para frear a involución centralista e antisocial e reverter ese proceso para abrir un novo escenario que recoñeza os dereitos nacionais de Galiza.
Necesitamos, recalcou, ampliar progresivamente o noso autogoberno e acadar a soberanía que desenvolva unha sociedade máis xusta e dar pulo a nosa lingua e cultura.
O BNG pide anular o xuízo que condenou a Bóveda
O portavoz do BNG concluíu a súa intervención aludindo ao recoñecemento da reparación moral pola inxustiza de persecución e asasinato pero queda, dixo, anular o xuízo que o condenou.