O BNG acompaña as protestas das persoas afectadas polas preferentes nos Concellos do país

Vence, coas persoas pechadas no concello de Gondomar

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2013.- O Bloque Nacionalista Galego está a acompañar as protestas que as persoas afectadas pola fraude das preferentes están a desenvolver en distintos Concellos do país. No día de onte, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, visitou as persoas pechadas no Concello de Gondomar, ás que lles trasladou a solidariedade e apoio do BNG.

O portavoz nacional do BNG amosa o seu rexeitamento máis profundo á decisión do goberno do PP, que impuxo mediante Decreto lei unha quita de até un 43% do valor das preferentes, o que cualifica como unha expropiación inxusta e un roubo a máis de 62.000 familias deste país. Trátase, afirma, dunha drenaxe de máis de 600 millóns de euros de aforro galego que vai engordar o sistema financeiro español.

Xavier Vence, que insiste en denunciar o estado de excepción económica e democrática que supón a quita, advirte de que esta decisión do Partido Popular exacerba a indignación e a desesperación das persoas afectadas. Así, comprende a frustración e indignación dos e das estafadas cos altos cargos das entidades e cos responsábeis políticos do PP que apoian as decisións do Goberno deste partido.

Feijóo xogou de xeito irresponsábel coa confianza das persoas estafadas, ás que lles vendeu falsas esperanzas

Ademais, o portavoz nacional do BNG critica o “trileiro” e mentirán xogo realizado polo goberno de Feijóo, ao que acusa de xogar de xeito irresponsábel coa confianza das persoas, ás que lles vendeu falsas esperanzas. Sinala que as mobilizacións están a servir para desenmascarar o Partido Popular, cada vez máis afectado pola presión do pobo. Precisamente, vén de ter lugar a renuncia dun edil do PP, tenente de alcalde en Gondomar.

Vence, que lembra que o BNG denunciou sempre a colaboración e vista gorda do Banco de España, do Goberno central e da Xunta de Galiza diante desa política agresiva e fraudulenta das entidades financeiras, sinala que os nacionalista seguirán a defender na rúa  nas institucións os dereitos destas persoas a recuperar o 100% dos seus aforros. A única solución que contempla o BNG pasa pola devolución íntegra dos cartos, en liquidez, e non en produtos financeiros. Precisamente, o pasado día 27 de marzo, os alcaldes e alcaldesas do BNG emitiron un manifesto en que denuncian a fraude das preferentes e as decisións do PP e en que se poñen ao dispor das persoas afectadas para cantas accións reivindicativas decidan.