O Bloque reclama á Xunta que aclare o atraso na construción dos floteiros para Pemex
Iolanda Veloso e Carme Adán critican que o único certo tras a foto de Feijóo en campaña é que as gradas dos estaleiros están baleiras
A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, e a deputada no Parlamento galego, Carme Adán, demandaron á Xunte que aclare a que é debido o atraso na construción dos floteiros para a petroleira mexicana Pemex e que explique cal é a folla de ruta que ten prevista o goberno galego para o sector naval galego. As nacionalistas puxeron de releve a grave situación pola que atravesa este sector e criticaron que a realidade da foto feita por Feijóo con directivos de Pemex durante a campaña electoral das pasadas autonómicas é que as gradas dos estaleiros a día de hoxe están baleiras.
Para Iolanda Veloso, a historia da crise do sector naval é unha historia de longo percorrido, cunha incidencia tremenda no aumento do desemprego en Vigo. Neste sentido apuntou que segundo os cálculos o ano pasado se perderon máis de 10.000 postos de traballo e que xa en agosto do 2011 os sindicatos advertían de que as cifras de desemprego poderían alcanzar o 30%. E non estamos moi lonxe, apuntou.
A portavoz municipal nacionalista destacou que o BNG coñece a situación de primeira man, en tanto que a formación mantivo xuntanzas tanto coas empresas como cos comités de empresas, e que se presentaron diversas iniciativas para que as administración adoptaran medidas serias ao respecto.
A única decisión que tomou Feijóo foi facerse unha foto durante a campaña electoral con directivos de Pemex, coa que supostamente demostraba que conseguira contratos. Pero a realidade é que non sabemos que asinou en periodo electoral, criticou Veloso.
Segundo destacou, o único certo é que as gradas están baleiras e non se están construíndo floteis, polo que para Iolanda Veloso, a promesa de Feijóo de que en xaneiro comezaría a construción dos floteis é irreal.
A portavoz municipal do BNG lembrou que Feijóo non explicou en que consistíu a sinatura dos supostos contratos. A realidade é q ue non consisten en nada e nós queremos saber que se asinou, indicou ao respecto.
O BNG exise unha explicación no Parlamento
Precisamente para saber que asinou Feijóo cos directivos de Pemex, o BNG presentou varias iniciativas no Parlamento galego nas que reclama que o goberno galego aclare en que consistiu o acordo asinado coa petroleira mexicana ou calqueira das súas filiais e solicita copia dos mesmos.
Neste sentido, a deputada Carme Adán lembrou que tras a sinatura en setembro dos supostos contratos polo presidente en funcións, o BNG pediu que convocara a Deputación Permanente e que a documentación estivera a disposición dos grupos da oposición.
Agora non temos ningunha constancia de que se asinou, salientou a deputada do BNG, para quen é fundamental que a Consellería de Industria explique no Parlamento galego como repercutirán no sector naval eses supostos acordos e cantos postos de traballo se crearán.
Carme Adán tamén comentou que segundo a Consellería de Industria eses acordos 'están dentro dun concurso público e se farán se gañe o concurso ou non'. Se non se gaña o concurso como Industria pode asegurar que se farán os floteis, preguntouse.
Queremos que o goberno faga o esforzo por salvar o sector naval galego e queremos saber por que existe este retraso na construción dos floteis, rematou a deputada nacionalista.