Balance 2014: Unha Galiza que agoniza, pero cunha sociedade disposta a derrotar ás políticas do PP
Apoiado en datos concretos, o portavoz nacional, Xavier Vence, facía esta valoración da xestión de Feijóo ao longo do último ano, e avanzaba que as citas electorais de 2015 serán un punto de inflexión.
Imos conseguir que a sociedade galega marque un punto de inflexión nas dúas convocatorias electorais de 2015, porque maioritariamente quere inflixir unha severa derrota ao PP para poder mirar con optimismo o futuro e poñer a Galiza en pé, salientou Vence, porque levamos seis anos de profunda crise con políticas neoliberais e recentralizadoras que desbastan as conquistas sociais.
Necesitamos xa un respiro, e 2015 pode ser o ano no que viremos a páxina do empobrecemento e da recentralización, para saír da crise e avanzar cara á soberanía, reiterou.
Emigración, paro, emprego ultraprecarizado que provoca pobreza incluso entre os que teñen traballo, desigualdade, recorte de servizos públicos forman parte do balance de goberno de Núñez Feijóo, empeñado en seguir aplicando medidas de recorte, privatizando servizos básicos e desmantelando o estado de benestar, ao que hai que sumar a ignorante e neglixente xestión da débeda pública, (17,5% do PIB).
Para Vence, este escenario insoportable que deixa un 2014 marcado tamén por unha marea de corrupción que afecta ás institucións do Estado a aos partidos maioritarios, non pode ser presentado como o da recuperación que, en todo caso, só beneficia á banca e aos grandes lobbies empresariais que viven do orzamento público e dos favores do PP.
Fronte á caída de recursos da maioría das familias, subida de servizos básicos como a luz (18%), o gasóleo (14%) ou as peaxes (4,5%).
Cara positiva
A cara positiva do balance que fai o BNG de 2014 está na actitude dunha sociedade disposta a dar a batalla o que xa ten acadado resultados. Entre os logros: marcha atrás na contrarreforma do aborto, freo ao golpe electoral que pretendía o PP de cara ás municipais ou as vitorias cando menos parciais dos estafados polas preferentes e dos emigrantes retornados contra as multas de Facenda grazas a súa mobilización social, que sempre tivo o respaldo do Bloque.
Esa actitude será a que derrote nas urnas ao PP en Galiza, máis necesitada ca nunca dun proxecto político centrado no país, capaz de frear o declive demográfico e o retroceso da nosa base produtiva, explicou Vence. Iso, sinceramente, creo que non o ofrece ningún proxecto saído de Madrid, nin desde a arrogancia e a ignorancia dos dos intereses e aspiracións de Galiza.
O que necesitamos é unha alternativa centrada nos Galiza deste país, que ten unha problemática completamente diferente a doutras partes do territorio, hai que afondar nun proxecto de país de base nacionalista, e iso é o no que traballamos desde o BNG, concluíu.