Aprobadas ás candidaturas de BNG-NÓS para as xerais do 26X, que lideran Callón, Rodil, Presas e Bará
O Consello Nacional do BNG aprobou por unanimidade as candidaturas para as eleccións do 26X ás que concorrerá baixo a coalición BNG-Nós Candidatura Galega, recuperando as siglas propias e, ao mesmo tempo, continuando co traballo de suma con outras forzas e persoas independentes que apostan por darlle a Galiza unha alternativa electoral ca cabeza e co corazón no país.
En definición da portavoz nacional, Ana Pontón, é unha candidatura que suma a todas as persoas que pensamos que Galiza precisa forzas políticas que nos defendan, que creemos que somos un pobo que precisa alternativas propias, ao tempo que agradeceu o esforzo, traballo e ilusión das persoas que conforma a coalición electoral.
Tras o fracaso das autodenominadas forzas do cambio para dar unha alternativa ao goberno de Rajoy, BNG-Nós afronta a cita electoral como unha oportunidade para que Galiza recupere a voz perdida, -indicou Pontón-, e desde o convencemento de que hai miles de persoas cansas e decepcionadas destes meses de paripé político sen aportar solución algunha aos problemas dos galegos e galegas, literalmente desaparecidos.
Neste sentido, o cabeza de lista pola Coruña, Carlos Callón, convidada a constatar na páxina web do Congreso ata que punto Galiza quedou muda, e se preguntaba se os deputados e deputadas electas merecen o salario que cobran.
Sorprende tanta nugalla, salientou Callón, que cualificou de vergoñento que os e as congresistas do PP, PSOE e En Marea non chegasen a presentar nin unha iniciativa propia á semana. É iso ético? Está ben conseguido o salario que cobraron ao longo destes meses, e que seguirán percibindo ata que haxa novas cortes, pagarlle a quen non presentou iniciativas sobre problemas básicos do país?, cuestionaba mentres convidaba a comparar co inxente traballo do BNG no Congreso.
Callón subliñou que os candidatos e candidatas nacionalistas non van a Madrid a dicir si bwuana, imos traballar polo país e pór o noso grao de area para que haxa un goberno que teña o corazón á esquerda e a cabeza en Galiza.
A número un por Lugo, Olalla Rodil, puxo en valor a forza que nos da o apoio dos máis de 10.000 avais electorais recollidos en tempo record, indicativo do desexo de que a formación nacionalista volva ao Congreso superando os atrancos da lexislación electoral aprobada polo PP. Con esa forza encaramos esta campaña, subliñou.
Para Noa Presas, que lidera a lista por Ourense, estes meses de inacción confirman que BNG-Nós é a única alternativa capaz de defender os intereses da xente moza deste país, e lamentou que nin PSOE nin Podemos aproveitasen a minoría do PP para derogar a reforma laboral e adoptar medidas para facilitar a volta da mocidade emigrada. Somos garantía de que xente do común do noso país vai ter quen a defenda sen condicionamento algún, alegou.
Luís Bará, que encabeza a candidatura por Pontevedra, puxo en valor a total confianza no noso país, que ten un enorme potencial, e imos traballar para desenvolver ese potencial con orgullo e dignidade. E fixo fincapé que, nun escenario sen maiorías absolutas, a representación do BNG en Madrid pode ser decisiva para condicionar o goberno do Estado e orientalo a favor de Galiza. Con iso reto afrontamos esta campaña electoral, concluíu.