Apostaremos polo ensino público de calidade e un modelo económico baseado no coñecemento

 

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, comprometeuse a a repoñer as prazas de profesores que o goberno de Feijóo destruiu esta lexislatura e a derrogar o decreto “vergoñante” do plurilinguismo.

Jorquera, nun acto público, asegurou que recortar no ensino é recortar no futuro do País e renunciar a modificar o modelo de crecimento que conduciu á crise, “por iso para o BNG un ensino público e de calidade será prioritario nas políticas a aplicar en Galiza logo do 21 de Outubro”.

Neste sentido, reiterou que o escenario está totalmente aberto, “polo que canto máis reforcemos a posición do BNG máis segura será a derrota do PP”.

Repoñeremos as prazas do profesorado, derrogaremos o decreto do plurilinguismo e restituiremos a gratuidade dos libros de texto

O candidato nacionalista acusou a Feijóo de ter sido estes tres anos e medio un precursor da política educativa de Wert e da súa nova Lei totalmente invasora das competencias autonómicas e que pretende instaurar un modelo segregador tamén no social, “de adoctrinamento na obediencia a unha España unha, grande e libre”.

Para Jorquera, Feijóo, a través do seu conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, xa se adiantou a esta estratexia, apostando por un ensino para ricos e para pobres e actuando máis como a patronal dos centros privados que como conselleiro.

“De feito, un dos grandes logros que conseguiu o PP en Educación foi unir a profesores e pais en toda Galiza en contra das súas políticas de brutais recortes e en contra da estratexia programada de desaparición do galego”.

O candidato do BNG ironizou co feito de que o “peor” conselleiro de Educación da historia de Galiza e a conselleira de Traballo, que considera que as políticas activas de emprego non serven para xerar postos de traballo, que o traballo se consigue grazas aos Eres, foran premiados con ser cabezas de lista do PP nesta campaña.

Futuro da maleta

Jorquera concluiu reiterando o apoio decidido do BNG polo ensino público e por unha economía baseada no coñecemento non na especulación, que garanta un futuro para a mocidade diferente ao “futuro da maleta” que lle ofrece o PP.

Entre algunhas das apostas programáticas do BNG neste ámbito salientou darlle prioridade ao investimento, procurando atinxir o 6 por 100 do PIB; suprimir os concertos educativos; incrementar a política de bolsas e axudas ao estudo; restituir a gratuidade dos libros de texto ou elaborar un plan de racionalización do transporte escolar

Marta Dacosta.

Pola súa parte, Marta Dacosta, profesora e candidata número 6 por Pontevedra, coincidiu con Jorquera en acusar a Feijóo e a Jesús Vázquez de ser precursores de Wert e cualificou de “trienio negro” para o ensino en Galiza esta lexislatura.

“Entraron no goberno para desmantelar o ensino e agredir a nosa lingua, utilizaron a consellería para reideoloxizar, para iso si houbo cartos, por iso é fundamental mudar as cousas e a única garantía de cambio vén da man do BNG o próximo Domingo 21”.

Repoñeremos as prazas do profesorado, derrogaremos o decreto do plurilinguismo e restituiremos a gratuidade dos libros de texto

 

http://youtu.be/J7iE0qiI_-0

 

http://youtu.be/mMP7z7DP0EE