Apoio a Carballada ante a estratexia do PP de criminalizar a protesta social para tapar os problemas
O BNG advirte que o PP ten unha estratexia para converter as cuestións de orde público nun factor da axenda política co que distraer dos graves problemas sociais, máxime nun ano electoral. A criminalización da protesta forma parte desa estratexia.
Temos moi claro que o PP ten unha axenda política coa que quere converter as cuestións de orden pública nun elemento que tape os problemas sociais, que tape as protestas da cidadanía contra as súas políticas, denunciou o portavoz nacional, Xavier Vence, na concentración ante o edificio dos xulgados da Coruña en apoio a Paulo Carballada, responsable comarcal que hoxe declaraba imputado pola súa participación na protesta contra a visita da chanceler Merkel e de Rajoy a Santiago.
Estamos aquí para defender o dereito da liberdade de expresión e de manifestación e contra o empeño do PP de criminalizar todo tipo de protesta contra as súas políticas agresivas, subliñou Vence, quen reiterou que non van conseguir silenciar á cidadanía. Non van calarnos por moita represión que queiran practicar e por moitos atestados falsos, nin ao BNG, nin á cidadanía. Imos seguir defendendo os nosos dereitos, enfatizou.
Manual de Interior nos atestados
O Bloque salienta o carácter pacífico da protesta contra os máximos representantes das políticas regresivas que a Troika impón ao pobo galego, en particular contra a clase traballadora, e denuncia as acusacións contra militantes do BNG baseadas en informes falsos elaborados meses despois dos feitos seguindo o manual do Ministerio do Interior.
Cando un lee os atestados, cando ve as acusacións da policía contra os que participaron na movilización de agosto en Santiago dase conta que hai unha construción que responde a un manual do Ministerio do Interior para incriminar a persoas que tiveron unha actitude pacífica e queren incriminalas con falsas acusacións, polo tanto son as directrices do Ministerio do Interior do PP as que levan a forzar que a policía elabore atestados incriminatarios falsos e inverosímiles para poder acusar, levar ao xulgado e multar ás persoas que participaron nunha manifestación pacífica exercendo un dereito democrático, denuncia Vence.
Carballada reiterou a falsedade dos informes que falan dunha actitude violenta inexistente, e considera moi preocupante que a policía poda elaborar atestados para incriminar a manifestantes. Pensamos que é produto da extratexia do PP que utiliza ao Ministerio do Interior, a Delegación do Goberno e aos corpos policiais para reprimir calquera protesta as súas políticas. Iso é o que queren, salientou momentos antes da súa comparecencia xudicial.
Ademais do portavoz nacional, a concentración de apoio a Carballada contou coa presenza do portavoz parlamentario, Francisco Jorquera, co portavoz municipal, Paulo Carril, o portavoz municipal en Compostela e tamén imputado pola súa participación nesa mesma protesta, Ruben Cela, deputadas e membros da Executiva nacional e unha nutrida representación de responsables políticos e militantes.