Ana Pontón: os dereitos das persoas e dos pobos teñen que estar por riba do control xeoestratéxico
O BNG instala un simbólico campamento no centro da Coruña como protesta pola xestión da crise do@s refuxiad@s, que se suma á retirada da bandeira da UE
Sentimos vergoña desta Europa que pecha fronteiras ante un drama humanitario que contribuíu a xerar, unha Europa a que non lle importa que haxa miles de persoas morrendo as súas portas, que está a negociar un acordo indigno con Turquía repetindo erros do pasado, denunciaba a deputada nacionalista.
O Bloque reclama unha solución urxente a esta crise humanitaria pero tamén demanda un cambio radical na política internacional. Hai que reformular toda a política internacional, porque detrás deste drama está unha política imperialista practicada tanto polos EEUU como polos países centrais da UE, e temos a obriga de reclamar unha nova orde internacional baseada no respecto polos dereitos dos pobos a vivir en paz, argumentou Pontón.
A portavoz nacional insistiu en que o Bloque vai seguir do lado do dereito das persoas, da dignidade, da igualdade e de que non se alimente unha política xenófoba e racista que estamos vemos se estende por unha parte de Europa, advertiu.
As institucións europeas non só están incumprindo a legalidade senón que están agravando a crise, subliñou. Precisamos unha orde internacional onde os dereitos das persoas e dos pobos a vivir en paz primen sobre os intereses do control xeoestratéxico das potencias sobre o gas ou o petróleo, recalcou Pontón.
Ducias de militantes e simpatizantes sumáronse a este simulacro de campamento de refuxiados no corazón da Coruña, como novo acto de protesta do BNG despois de que a formación nacionalista lanzara a proposta de arriar ou retirar a bandeira da UE das institucións como medida de repulsa e protesta.