O acordo marco para as deputacións abre unha nova etapa cara a desaparición dos entes provinciais
O BNG cualifica de histórico o programa marco de consenso asinado co PSdeG-PSOE para aplicar nas deputacións porque abre o camiño á desaparición das entidades provinciais, vella demanda da formación nacionalista por considerar que son administración redundantes, obsoletas, que responden a un modelo caduco de Estado centralista.
O portavoz nacional, Xavier Vence, subliñou ademais que se trata dun programa politicamente moi potente posto que ataca á liña de flotación da recentralización de competencias cara as deputacións que impón o PP a través da reforma local, en vigor en 2016.
Este acordo vai na liña contraria: adelgaza ás deputacións, consolida as competencias dos concellos e da os pasos para que reciban novas competencias que agora exercen dun xeito impropio os entes provinciais. O acordo é unha ferramenta para inverter ese proceso de recentralización negativo para os concellos, recalcou.
Na súa valoración política do acordo, Vence indicou que marca un antes e un despois na historia das deputacións, iniciando o percorrido para a desaparición de institucións que son unha rémora do pasado, herdanza dun modelo de Estado centralista.
Os detalles do programa marco foron enumerados pola secretaria de Política Municipal, Goretti Sanmartín, arredor de tres obxectivos: adelgazar as deputacións, democratización radical do seu funcionamento e xestión de recursos sen rastro de clientelismo ou partidismo.
Tres meses
No primeiro obxectivo, o acordo recolle iniciar coa Xunta un proceso de negociación nos tres primeiros meses de lexislatura para promover a transferencia de competencias cun calendario ao longo do mandato e, igualmente, no caso dos concellos, proceder á transferencia directa de recursos para as prioridades de investimento que fixen os propios municipios.
Órganos colexiados
O acordo marco aposta por superar o presidencialismona toma de decisión e reforzar os órganos colexiados, -xunta de portavoces e plenarios-, e inclúe a modificación do regulamento interno para garantir a participación de todos os grupos políticos. Ademais, suprímese o uso discrecional de fondos por parte da presidencia para facer favores.
A preguntas dos medios, Sanmartín explicou que o BNG mantén a súa aspiración á presidir a Deputación da Coruña ao entender que contribuiría a visivilizar a nova etapa e a garantir o cambio radical que se recolle no programa.
Lembrou ao PSdeG-PSOE que os tempos das imposicións unilaterais pasaron e, no caso da Coruña, hai outras forzas políticas alternativas ao PP, -nomeadamente Marea Atlántica con tres representantes-, que deben pronunciarse sobre as súas preferencias para presidir a deputación, toda vez que a coincidencia programática é case total.
Marea Atlántica comunicounos que tomarán unha decisión en asemblea e manifestou o seu acordo na práctica totalidade do contido do programa marco. Falta saber se consideran de interese que sexa o BNG quen leve adiante esa mudanza transformadora dunha maneira intensa e acelerada. A pelota está no seu tellado, alegou Sanmartín.
Reequilibrio social e territorial
En canto a distribución de recursos, será en base a criterios obxectivos, máxima transparencia e buscando o reequilibrio social e territorial, primando aos concellos de menos de 50.000 habitantes así como as actuacións supramunicipais e comarcais. Entre as medidas concretas, o acordo marco recolle a supresión de todos os plans provinciais que axuden ou subvencionen asociacións ou entidades con fins que son de competencia municipal.