0 21-0 temos a oportunidade da facer frente aos recortes de dereitos básicos das mulleres
Jorquera, durante un acto na Praza do Obradoiro En defensa dos dereitos das mulleres. Aborto libre e gratuito, afirmou que a dereita, na súa estratexia de utilizar a crise como coartada para impor o seu modelo, tanto no económico como no político, tamén tenta impor no ideolóxico o seu sistema de valores, que relega á muller ao rol de esposa e nai.
Para o candidato nacionalista, foron moi sintomáticas nesta dirección a reforma laboral do PP, coa súas medidas anti conciliación, a reforma educativa que están a preparar, coa segregación nas aulas por sexo, ou os brutais recortes en servizos sociais e atención á dependencia.
Nesta escalada -engadiu- agora chega a contrareforma do señor Gallardón en materia de aborto, que converte o que debe ser un dereito elemental nun delito, coas consecuencias que ten esta medida tamén do ponto de vista da saúde das mulleres.
Dereito a decidir vs criminalización
Jorquera lamentou que se estea a pór en cuestión dereitos elementais, como o dereito a que as mulleres decidan libremente sobre a súa maternidade, e lembrou que nos países con leis máis avanzadas en materia de interrupción voluntaria do embarazo e cunha concepción global das políticas sexuais e reprodutivas está demostrado que o número de abortos e de embarazos non desaxados é menor.
Criticou a escalada do PP nunha política totalmente regresiva que devolve á muller ao rol de nai e esposa e volve criminalizar o aborto
Neste sentido, advertiu que criminalizar de novo o aborto vai condear ás mulleres á clandestinidade, só vai traer consigo maior desprotección e inseguranza ao pór en risco en moitos casos a saúde das mulleres.
Vivimos tempos no que está a debate a importancia de poder decidir, o dereito de Galiza como pobo a poder decidir sobre o seu futuro e o dereito a que as mulleres tamén poidan facer o proprio e nesa liña vai traballar o BNG, para que o 21 de Outubro marque un novo tempo político.
Candidatas do BNG
Durante o acto tamén interviron a cabeza de lista do BNG pola provincia de Ourense, Tereixa Paz, e a número 2 pola provincia da Coruña, Ana Pontón. Paz reivindicou a restauración das políticas que o Goberno de Núñez Feijoo eliminou á súa chegada á Xunta de Galiza.
Pola súa parte, Ana Pontón coincidiu con Paz en que o actual goberno do PP non só foi cómplice na demolición dos dereitos máis elementais das mulleres que está practicando a dereita senón que foi actor principal na defensa da ideoloxía máis reaccionaria, a ideoloxía do Opus.
Tereixa Paz e Ana Pontón coinciden en salientar o compromiso do BNG para derrogar as leis regresivas aprobadas polo PP nesta lexislatura, como a Lei de Familia e da Rede Madre
A candidata do BNG amosouse convencida de que un mundo diferente só se pode construir dende a igualdade, por iso asegurou que a formación nacionalista leva entre as súas medidas prioritarias a derrogación das leis regresivas, como a Lei de Familia e a Rede Madre, aprobadas nesta lexislatura.
Faixa en defensa do aborto libre e gratuito
Mentres desplegaban unha faixa co lema: Defensa dos dereitos das mulleres. Aborto libre e gratuito, tamén tomaron a palabra Goretti Sanmartín e Lucía Vázquez, responsábel da comisión nacional de Acción Feminista e a viceresponsábel local de Santiago, respectivamente, que acusaron ao PP de ser auténticos policías da moral e reivindicaron unha ollada feminista no económico, no social, no político e nas medidas a adoptar para facer frente á crise.
http://youtu.be/OzMnKIberWw