Conxelar o canon de Sogama para primar as familias sobre a conta de resultados de Fenosa

A redución de salarios e a subida de impostos, taxas e prezos públicos de servizos básicos que aplica o PP “está sangrando ás familias” e provoca desigualdade, exclusión social e un empobrecemento das rendas dos galegos e galegas que frea a saída da crise.

Xavier Vence1

“O PP ten unha estratexia de aumento continuado, a modo de choiva fina, das taxas e dos prezos públicos. En definitiva, cobran por todo, cada vez máis e con peores servizos”, denuncia o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence.

Só no que vai de ano, “o canón da auga subiu entre un 150 e un 300%, o IBI entre un 4 e 10%, o recibo da luz un 13,5%, as escolas infantís nun 19% de media, os comedores escolares un 40% e o transporte metropolitano un 12%”, enumerou Vence, salientando que se trata de servizos indispensables: auga, luz, vivenda, transporte.

Esta “política fiscal regresiva” do PP ten continuidade en 2014 cos céntimos sanitarios, o copagamento dos medicamentos hospitalarios e co anunciado incremento do 34% da taxa de lixo de Sogama.

Neste caso, o BNG formula unha alternativa articulada en tres puntos: conxelación do canon do lixo en 2014, inicio dunha negociación entre municipios, Sogama e Xunta para buscar alternativas e, senón hai acordo, os concellos teñen dereito a declarase insubmisos a aplicar a subida.

Modificación unilateral

“Non pode haber unha modificación unilateral da Xunta e de Gas Natural decretando  unha subida espectacular do 34% do canon do lixo, porque implica un cambio nas condicións contractuais que hai entre os concellos e Sogama”, explica Vence. En caso de que as negociacións concluísen sen acordo, “os concellos teñen todo o dereito a declararse insubmisos na aplicación desta subida porque consideramos que os dereitos da veciñanza están por riba da conta de resultados de Gas Natural-Fenosa”, alega o portavoz nacionalista.

Modelo alternativo

O BNG considera fracasado o modelo de xestión de residuos centrado en Sogama, que non é sustentable desde o punto de vista medioambiental, -coa súa aposta pola incineración-, económico nin social, polo escaso nivel de emprego que xenera. E opta por camiñar cara un modelo baseado en plantas de reciclaxe a nivel comarcal máis eficiente en termos ambientais, económicos e de emprego.

Para esa escalada de subida de taxas e prezos públicos, Vence defende o principio de “que pague máis quen máis ten”, subindo os impostos directos ás rendas altas, á banca, ao patrimonio e aos fondos de investimento, todo combinado coa loita contra a fraude fiscal.

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG