O BNG acada un acordo unánime na Cámara galega para manter os postos de traballo de Alcoa

 A nacionalista Carme Adán volveu a reclamar “un tarifa eléctrica galega”

Intervención de Carme Adán

Pleno.- A parlamentaria do BNG, Carme Adán defendeu, a través dunha proposición non de lei manter os postos de traballo e centros produtivos de Alcoa en Galiza.

A parlamentaria, tras saudar aos traballadores de Alcoa convidados ao debate, explicou que Alcoa consolidouse no Estado español despois dunha venda da empresa nacional de aluminio Inespal “ruinosa” para o Estado ao igual que aconteceu, dixo, co sistema financeiro galego que “foi regalado”. Ademais, engadiu, Inespal e Alcoa non cumpriron cos compromisos ligados a esa compra. Na actualidade a situación é que hai 400 traballadores na Coruña, 1.300 en Lugo e 600 empregos auxiliares e coa preocupación da posible venda de Alcoa coa próxima poxa no mes de setembro ou outubro.

A nacionalista lembrou que Alcoa é un gran consumidor de enerxía, co 45% dos custes de fabricación e os propios traballadores remitiron unha carta ao presidente da Xunta para manifestar que o problema central é o sistema tarifario. Segundo o propio Comité de empresa de Alcoa, explicou Adán, a Xunta debería asumir ser un socio inversor e dende a Consellería de Industria concretar a data da próxima poxa porque é necesaria cara o ano 2017.

O BNG volve a demandar unha tarifa eléctrica propia

Por outra parte, a deputada volveu a demandar unha “tarifa eléctrica galega” e referiuse a unha nova aparecida hoxe no dixital la energía na que Rajoy anuncia que ofrecerá ao PSOE, Ciudadanos e PNV “un pacto de Estado en materia enerxética”. Carme Adán lembrou que Euskadi conseguiu reducir xa o 7% para as peaxes de Industria cun aforro de 50M€ ao ano para a industria vasca polo que preguntou porque non se pode facer o mesmo en Galiza cando “o problema de Alcoa son os grandes custes de enerxía”.

Carme Adán

Para unha comarca como a da Mariña, dixo, Adán sería “terrible” o peche de Alcoa coa perda dun gran número de postos de traballo. “O Goberno debe garantir o emprego en Alcoa e levar a cabo todas as xestións necesarias ante o Goberno do estado para que a poxa sexa o antes posible” reclamou.

Sobre a tarifa eléctrica galega, a nacionalista reiterou que se a enerxía vai ser un dos posibles pactos en materia enerxética, os deputados e deputadas do Partido popular en Madrid debe presionar para o mantemento de Alcoa e na procura dunha tarifa eléctrica propia para a industria, e tamén “unha tarifa eléctrica galega para que en Galiza teñamos un prezo máis barato”.

O portavoz do Partido popular, José Manuel Balseiro anunciou o voto favorable do grupo maioritario da Cámara á iniciativa nacionalista.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG