O BNG preguntará Feijóo polas 50.000 persoas que emigraron de Galiza no último ano

O portavoz parlamentario, Francisco Jorquera afirmou que a emigración en Galiza, por razóns laborais constata o “fracaso das políticas de Feijóo”

Francisco Jorquera

O portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera deu conta dos asuntos do vindeiro pleno tras a Xunta de Portavoces. Na comparecencia ante os medios de comunicación, Jorquera avanzou que o BNG preguntará a Feijóo sobre as 50.000 persoas que se viron obrigadas a emigrar no último ano por motivos laborais e cualificou de “fracaso” as políticas do presidente da Xunta.

Jorquera explicou que os datos sobre mobilidade xeográfica constatan a emigración, por motivos laborais, de 49.963 persoas fronte as 27.444 doutras comunidades ao que sumou un saldo migratorio dende o ano 2009 en Galiza que ascende a 125.208, o equivalente a “máis dun terzo da poboación da provincia de Lugo”.

Para o nacionalista, os datos publicados confirman “a magnitude do drama” dun país no que os seus habitante vénse obrigados a marchar para gañarse a vida.

Asuntos incluídos no pleno  á iniciativa do BNG

O parlamentario tamén avanzou que no vindeiro pleno será debatida unha Proposición non de lei relativa á necesidade dun marco galego de relacións laborais e defensa da negociación colectiva en Galiza. Neste sentido, o BNG proporá un acordo no Parlamento para que os convenios sectoriais provinciais, autonómicos ou doutro nivel superior ao de empresa, “teñan prevalencia sobre o convenio de empresa e tamén sobre os estatais”.3

Por outra banda, a través doutra proposición non de lei, o BNG instará á Xunta a realizar todas as acción necesarias para garantir a continuidade e postos de traballo de Alcoa ante o anuncio da súa posible venda e na que están en xogo 2.000 empregos directos que xeran centos de postos de traballo indirectos. Alcoa, dixo, representa o 30% do PIB da provincia de Lugo. “ Galiza é unha potencia na xeración de electricidade pero hai empresas que poden cerrar por non poder asumir os custes enerxéticos” e a situación de de Alcoa é consecuencia tamén dunha “privatización” con consecuencias ruinosas para o interese xeral.

Finalmente, o BNG interpelará ao Goberno sobre a política de defensa e prevención dos incendios forestais e polas razóns que motivan que o Goberno non asine o convenio colectivo cos traballadores/as do consorcio galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG