Para ter voz propia, lema de campaña de BNG-NÓS para que Galiza deixe de ser mera despensa de votos

Goretti Sanmartín e Rubén Cela, presentan lema da campaña BNG-NÓS

Para ter voz propia é o lema de campaña co que BNG-NÓS recolle o sentir de miles de galegos e galegas “fartas e desencantadas” tras constatar que Galiza quedou “muda e desaparecida” tras o 20D, e lanzar a mensaxe de que a única garantía para recuperar esa voz no Congreso é con representación desta candidatura de país.

“Eliximos Para ter voz propia porque nunca máis queremos que Galiza volva quedar muda e desaparecida como nestes meses de teatrillo político dos vellos e dos novos, e sabemos que hai miles de persoas que quedaron fartas e van converter o fracaso das forzas estatais nunha oportunidade para Galiza”, explicou a directora de campaña Goretti Sanmartín, quen tamén fixo fincapé en que nun escenario sen maiorías absolutas “a representación que obteña BNG-NÓS pode ser clave para conformar o goberno do Estado e iso nos daría unha forza inmensa para defender á xente deste país”.

“Se algo se constatou ao longo destes catro meses de postureo é que Galiza non entra na axenda nin nas prioridades das forzas estatais, e quedou evidente que só se o BNG está, Galiza está”, explicou o secretario de Comunicación, Rubén Cela, quen anunciou unha campaña electoral “de porta a porta”.

Unha idea na que afondou Sanmartín: “Queremos que Galiza deixe de ser despensa de votos para forzas políticas que non nos teñen en conta”, dixo, “é fundamental que as urxencias do país estean no debate do Estado, porque os problemas dos que non se fala, non se solucionan”.

Para Cela, o 26X son uns novos comicios nos que os e as votantes “van sopesar a diferencia entre que o BNG este ou non, e por iso temos toda a confianza en superar o resultado das pasadas eleccións e temos a confianza de que Galiza terá voz propia a través de deputados e deputadas do Bloque”.

O secretario de Comunicación deixou claro que os votos a BNG-NÓS valen dobre na defensa de Galiza e para sumar na derrota do PP. “Se hai algo que teñen claro os galegos e as galegas e que, do que dependa do BNG, o PP non vai seguir gobernando nin no Estado, nin en Galiza, porque as súas políticas foron desastrosas para o noso país. Polo tanto, os votos ao Bloque valerán para devolverlle voz a Galiza e tamén para derrotar ás políticas da dereita, aquí e no Estado”.

Campaña sen créditos e de rúa

Preguntado polos medios, Cela considera que a renuncia de En Marea a ter grupo galego no Congreso repetindo a forma de coalición do 20D “é unha mostra de claudicación e de sucursalismo. Ao final os deputados de Marea van ser a delegación galega de Podemos”, lamentou.

Goretti Sanmartín e Rubén Cela, presentan lema da campaña BNG-NÓS

BNG-NÓS desenvolverá “unha campaña de proximidade, á pé de rúa, de porta a porta, baseada no traballo e a entrega da militancia e simpatizantes, sen pedir un euro aos bancos e renunciando ao envío masivo de papeletas con recursos públicos, algo que convidamos a facer ao resto das forzas políticas porque supón un importante aforro de cartos”, concluíu o secretario de Comunicación.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG